A APDR pregúntase se a Xunta e o Estado "finalmente farán cumprir a lei" tras o ditame de Europa sobre Elnosa

Pontevedra
27 de xullo 2017

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) considera que a resposta da Comisión Europea é "contundente" ao incidir na negativa á prórroga de Elnosa en Lourizán "mentres non mude a tecnoloxía" e, ademais, esixe a retirada do mercurio almacenado na fábrica con anterioridade a esa data de decembro de 2017

Elnosa en Lourizán
Elnosa en Lourizán

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) non deixou esperar a súa reacción tras darse a coñecer que a Unión Europea non autoriza a Elnosa a moratoria sobre o uso de mercurio. A súa resposta vai dirixida, fundamentalmente, á Xunta de Galicia e ao Goberno central, aos que lle pregunta se "manterán unha vez máis" a súa actitude de "tapar ollos, nariz e orellas na defensa dos intereses particulares da empresa" ou se "finalmente, farán cumprir a lei?".

A asociación ecoloxista considera que a resposta da Comisión Europea é "contundente" ao incidir na negativa á prórroga de Elnosa en Lourizán "mentres non mude a tecnoloxía" e, ademais, esixe a retirada do mercurio almacenado na fábrica con anterioridade a esa data de decembro de 2017.

"Trátase sen dúbida dun importante atranco aos intereses de Elnosa", valora a APDR, que engade que a empresa "lonxe de ter dado os pasos necesarios para adaptar a súa tecnoloxía ás esixencias da UE, preferiu optar polo camiño da busca de subterfuxios para-legais". Nese camiño asegura que se desprazou "da man dos seus mentores na Xunta e no Goberno central".

A APDR lembra que o problema ten a súa orixe na concesión e posterior renovación irregular da Autorización Ambiental Integrada (AAI), que a Xunta "pretende revisar agora e que dificilmente poderá ver a luz en prazo".

A asociación insiste en que, coa lei na man, Elnosa "ten as datas contadas" e asegura que, "en moi boa medida", esta situación é froito dunha "errada política" da dirección da empresa, pois "mentres incumpría todos os prazos dados pola UE para adaptarse aos novos tempos, utilizou ao comité de empresa e ao sindicato CC.OO. para desviar a atención cara ao Concello, á APDR e á cidadanía da comarca".

Arquivado en