A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou alegacións á revisión da autorización ambiental integrada (AAI) que a empresa Elnosa, dedicada á fabricación de cloro, solicitou á Xunta de Galicia.
As alegacións da entidade ecoloxista preséntanse, por unha banda, en cuestións de carácter xeral xa que entenden que a proposta exposta por Elnosa supón un cambio substancial das instalacións e consideran que supoñería a creación dunha nova fábrica que aumentaría a produción e almacenamento de cloro dos volumes de vertedura ao medio mariño e das emisións de cloro ao aire con maior incidencia sobre a seguridade e a saúde das persoas e do medio ambiente.
Tamén apuntan a que supoñería un aumento do caudal da vertedura e do consumo de auga do Lérez superando o 50% ao pasar de 171.516 metros cúbicos actuais a 300.000 previstos para o novo proxecto que expón a empresa cun novo sistema de produción no que xa non se traballaría con mercurio senón cunha estrutura de membrana.
A APDR entende que estes cambios esixen a tramitación do informe de compatibilidade urbanística do Concello e un informe que analice o estado ambiental do lugar no que se atopa a instalación.
Por outra banda, a asociación lembra o expediente aberto de caducidade á espera da concesión polo Ministerio de Medio Ambiente dunha prórroga para continuar en Lourizán. Segundo entende a APDR, a revisión da autorización ambiental supoñería unha fórmula encuberta de prorrogar a concesión. Por este motivo, o colectivo que preside Antón Masa solicita que a tramitación da AAI non se realice ata que Estado non resolva sobre a prórroga da permanencia da fábrica na actual instalación.
Por outra banda, a APDR indica que o proxecto presentado por Elnosa supoñerá un aumento da contaminación orgánica e afectará o saneamento da ría, polo que entende que precisa dun informe de avaliación ambiental. Sinala tamén que a empresa ten previsto realizar as verteduras a través do emisario de Lourizán pero os ecoloxistas alegan que "carece da necesaria concesión en terreos de dominio público".
A asociación pregúntase se Elnosa ten concesión para o uso da auga do Lérez e de onde vai proceder o cloro para producir derivados nos dous anos e medio que supoñerá a adaptación á nova tecnoloxía. Tamén mostra a súa preocupación por como se vai a tratar o mercurio existente nas instalacións. Segundo a APDR no escrito presentado pola empresa non se especifican as operacións que se realizarán para levar a cabo a descontaminación.
Piden que se dea por finalizado o procedemento e que se tramite de novo pola vía do cambio substancial. No caso de que non se admita esta petición, reclaman que se proceda a denegra a revisión da AAI solicitada por Elnosa atendendo ás alegacións.