A APDR non se reunirá con Pedro Sánchez, pero si co seu gabinete na Moncloa

Pontevedra
08 de agosto 2018

A Xunta Directiva da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) tiña solicitada unha entrevista con Pedro Sánchez, pero ante a imposibilidade de tela por cuestións de axenda do presidente, renunciarán a esa petición e reuniranse co seu gabinete 

A APDR reparte lazos verdes pola fin da concesión de Elnosa
A APDR reparte lazos verdes pola fin da concesión de Elnosa / Diego Torrado

A Xunta Directiva da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) reunirase finalmente con membros do gabinete do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no complexo administrativo da Moncloa para abordar todos os aspectos relacionados coa fin da concesión de Elnosa en Lourizán e coa prórroga da permanencia de Ence na Ría de Pontevedra.

Así o deu a coñecer este mércores o presidente do colectivo, Antón Masa, que lembrou que eles tiñan solicitada unha entrevista con Pedro Sánchez, pero ante a imposibilidade de tela por cuestións de axenda do presidente, renunciarán a esa petición e reuniranse co seu gabinete. 

Segundo explicou, a semana pasada o xefe de gabinete de Presidencia do Goberno ofreceulles manter unha reunión de traballo na Moncloa á que asistirían o director do departamento de Asuntos Económicos e outros expertos do seu equipo para tratar aspectos relacionados coas concesións administrativas de Ence e Elnosa.

O colectivo ecoloxista envioulles un escrito este martes 7 de agosto confirmando o seu interese en manter esta reunión de traballo ante a imposibilidade de manter a entrevista con Sánchez e solicitando que se fixe data e hora para a citada reunión. Pedíronlles tamén que, na medida do posible, se faga coincidir na mesma data -ou en datas contiguas- coa entrevista xa pedida coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera Rodríguez. da que aínda non teñen noticias.

Os temas fundamentais a tratar nestas reunións de traballo co Goberno PSOE serán, segundo explicou Masa, a caducidade da concesión de Elnosa, moi particularmente sobre a situación actual do expediente de caducidade aberto hai algo máis de 14 meses, e sobre a necesidade de acometer pola vía administrativa a revisión do expediente de caducidade da concesión de Ence e todo o relativo á prórroga de 60 anos concedida polo goberno de Mariano Rajoy. 

Arquivado en