A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) emprendeu este venres unha nova campaña en contra das prórrogas para que as factorías do complexo industrial de Ence e Elnosa continúen en Lourizán e optou por implicar na loita ás distintas estatuas situadas por toda a cidade.
Esta non é a primeira vez que o colectivo ecoloxista utiliza as estatuas para as súas accións de rúa. Segundo explicou Xulio Carmona, integrante da xunta directiva da APDR, optaron de novo por dar voz ás estatuas de Pontevedra "como rebelión da cidadanía contra a chantaxe de manter máis aló do 29 de xullo de 2018 ao complexo Ence/Elnosa" e, en concreto, a factoría cloreira.
O 29 de xullo é a data marcada para o fin da prórroga a Elnosa, a mesma data que a marcada inicialmente para ENCE, aínda que no caso da pasteira posteriormente foi ampliada por 60 anos cunha moratoria que valoran que foi "irregular, ilegal e vergoñenta" en xaneiro de 2016 polo goberno en funcións do PP presidido por Mariano Rajoy.
Ante a proximidade desa data, instalaron carteis nas estatuas de Castelao, Alexandre Bóveda, Carlos Casares, Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas, Manuel Quiroga, Valle Inclán, o Loro Ravachol, a heroína da guerra da Independencia ou os nenos da fonte da glorieta de Compostela.
A iniciativa leva por lema "Prorrogas? Non grazas. Anulación!" e as estatuas actúan como avatares da memoria de Pontevedra e das súas praias. Como testemuñas da rebelión cidadá, solicitan a anulación das prórrogas a Ence/Elnosa, factorías que consideran o principal foco de contaminación da Ría de Pontevedra, e un freo para o desenvolvemento económico da comarca, que impide a recuperación da Ría, das praias, da calidade de vida e da economía.