A APDR denuncia no xulgado de garda o presidente de ENCE

Pontevedra
04 de marzo 2021

A Asociación Pola Defensa da Ría presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda contra o presidente de ENCE, Ignacio de Colmenares y Brunet, polas recentes declaracións sobre a situación de perigosidade das instalacións da fábrica de Lourizán

Ignacio de Colmenares y Brunet, presidente de ENCE Rigurosafotos

A Asociación Pola Defensa da Ría presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda contra o presidente de ENCE, Ignacio de Colmenares y Brunet, polas recentes declaracións sobre a situación de perigosidade das instalacións da fábrica de Lourizán.

A denuncia foi presentada este mércores día 3 de marzo e, segundo informa o presidente da APDR, Antón Masa, céntrase en dúas cuestións fundamentais "dunha banda polo feito de teren tentado chantaxear repetidamente a un alto cargo do Goberno", e doutra, "polo feito de que coñecendo que a situación actual da fábrica pode derivar nun episodio ambiental de gravidade, con afectación ás persoas, se non se realizan inversións na mesma, decide non investir e permitir que a fábrica continúe traballando nese estado, poñendo en risco o medio ambiente e as vidas dos traballadores e a poboación da contorna".

Á APDR parécelle de "suma gravidade" que Ignacio de Colmenares acuda ata sete veces a reunirse co Secretario do Estado para que modifiquen un texto legal que "estivo en exposición pública e ENCE puido alegar o que considerase oportuno".

Segundo Antón Masa "pretender cambiar un texto legal mediante a presión aos órganos do Goberno, non é admisible nun Estado democrático, e mesmo poida que se trate dun feito delituoso".

A Asociación pola Defensa da Ría dalle credibilidade ao manifestado por Colmenares cando di que a caldeira de recuperación de ENCE non cumpre cos mínimos esixibles de seguridade para o medio ambiente e para as persoas; neste sentido, pregunta o colectivo ecoloxista: "que validez poden ter as certificación medio ambientais publicadas pola fábrica de pasta de papel?".

"Nesta situación só cabe actuar para evitar que ese risco grave existente chegue a provocar ese “susto maiúsculo” do que fala o señor presidente e que mesmo pode afectar ás persoas", xustifica o colectivo ecoloxista. 

Para Antón Masa, "decidir non facelo se non se garante a permanencia da empresa en Lourizán máis alá do 2033 é optar, de forma deliberada e consciente, por atentar contra o medio ambiente e a integridade física das persoas, un feito que cualificamos de extrema gravidade e que pode ter implicacións penais".

Á vista destes feitos, desde a APDR solicitan a incoación das dilixencias previas para investigar e depurar as responsabilidades penais que se poidan derivar dos feitos denunciados e que se cite a Ignacio de Colmenares para prestar declaración como imputado.