A APDR colga unha coroa de eucalipto ante a fábrica de Lourizán e proclama "Ence está morta"

Pontevedra
19 de xuño 2022

Este domingo celebrouse a marcha anual contra Ence que convoca a Asociación  pola Defensa da Ría (APDR) na que participou un milleiro de persoas

Marcha contra ENCE 2022 / Cristina Saiz

Este domingo celebrouse a marcha anual contra Ence que convoca a Asociación  pola Defensa da Ría (APDR) na que participou un milleiro de persoas.

Nesta ocasión a APDR colgou unha coroa de eucalipto na porta da fábrica de Lourizán e proclamou que "Ence está morta".

As manifestacións saíron simultaneamente da alamedas de Pontevedra e de Marín ás doce e media encabezada por unhas pancartas nas que se lía "Ence é o pasado... loitemos polo futuro".

E é que, tal e como sinalou o presidente da APDR, Antón Masa, a deste ano é "unha marcha un pouco especial" xa que o colectivo ecoloxista está convencido de que "é o inicio do futuro para Pontevedra, para a ría, toda a comarca, a saúde e a calidade de vida das persoas".

"A lei está da nosa parte e o que di é que Ence non ten concesión en dominio público marítimo terrestre e iso imos esixir, a Lei de Costas hai que cumprila", dixo Antón Masa.

A mobilización desenvolveuse sen incidentes, baixo a choiva nalgúns momentos, coas coñecidas consignas de "A ría é nosa, e non de celulosas" e coa participación de organizacións como Greenpeace e representantes políticos do BNG.

Ante a porta do complexo industrial, na coñecida popularmente como avenida de Marín, confluiron as dúas marchas. Foi entón cando Antía Marinho leu un manifesto no que compartía o soño que ten desde nena, librarse do "grande e terrible mostro" que se atopa na ría de Pontevedra. 

No manifesto enxalzouse a "loita colectiva" iniciada pola APDR en 1987 e que nestes 35 anos suma "innumerables vitorias e tamén dalgunha que outra aparente derrota" ata chegar ao momento actual no que "cómpre agora pensar e deseñar ese futuro, onde a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza veña da man da explotación racional dos recursos e das innumerábeis potencialidades da Ría, da comarca e da Galiza". 

 

Arquivado en