A APDR calcula que, de facerse firme a sentenza, en 2023 debe parar a actividade de Ence en Lourizán

Pontevedra
20 de outubro 2021

Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría, entende que a terceira sentenza contraria á prórroga concedida á pasteira é un "novo fracaso de Ence, do PP e da Xunta". A dirección do colectivo ecoloxista afirma que, se remata sendo firme a decisión xudicial a través do Tribunal Supremo, solicitarán a execución da sentenza. A APDR  iniciará unha campaña para planificar o futuro para a ría

Antón Masa e Marco Cernadas, da Asociación pola Defensa da Ría
Antón Masa e Marco Cernadas, da Asociación pola Defensa da Ría / PontevedraViva
Análise da situación de Ence tras a terceira sentenza da Audiencia Nacional contra a prórroga concedida á factoría /

Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), mostraba a súa satisfacción este mércores pola nova sentenza da Audiencia Nacional, a terceira que emite este tribunal contra a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 á fábrica pasteira para ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestres na ría de Pontevedra.

O representante do colectivo ecoloxista indicaba que a principal diferenza coas outras dúas sentenzas, en relación aos recursos presentados polo Concello de Pontevedra e por Greenpeace, se atopa en que nesta última rexéitanse os informes da Autoridade Portuaria, que alegaba que a actividade de Ence era fundamental para o porto de Marín

Tamén aludía a que a empresa pasteira nesta causa tentaba "deslexitimar" á APDR sinalando que non estaba autorizada para presentar o recurso. Unha petición desestimada polo alto tribunal. Por este motivo, Antón Masa afirma que esta sentenza é "un  novo fracaso de Ence, do PP e da Xunta", ao afirmar que tanto o partido político como a administración autonómica apoian a postura da empresa.

Ante os recursos que se van a presentar diante o Tribunal Supremo polas partes demandadas, a directiva da asociación entende que deberían ser inadmitidos e, no caso de que os admita, a sentenza debería ser semellante á da Audiencia Nacional porque a entidade pasteira está a incumprir a Lei de Costas ao atoparse nestes terreos protexidos.

Masa confirmou de que, no caso de que a sentenza pase a ser firme, a APDR pedirá a execución inmediata e calcula que, segundo as súas previsións, dentro de dous anos a empresa debería finalizar a súa actividade na ría e teríase que iniciar o desmantelamento das instalacións industriais situadas nos terreos de Lourizán.

O presidente do colectivo lembra que Ence contou con trinta anos para buscar unha solución e non o fixo "porque contou co apoio do Partido Popular", indicou. Lamentou que os traballadores estean "mal orientados" ao non reclamar unha alternativa á dirección da empresa durante os últimos anos. 

Antón Masa: "Ningún acto administrativo pode servir para burlar unha sentenza"

Manifestou tamén que as solucións xurídicas que se están buscando para que a industria permaneza en Lourizán "son todas inviables", entre elas a adscrición ao Porto de Marín dos terreos da factoría. Lembrou que a produción de pasta de papel non se atopa entre as actividades propias dun porto e utilizar esa opción "sería para burlar unha sentenza", opción que xa foi rexeitada polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

Tamén criticou a Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, por afirmar que espera que todas as partes acepten a decisión que formule o Consello Consultivo da Xunta en relación á legalidade desa incorporación á Autoridade Portuaria. "É inaceptable", alega Masa, que advirte que ese órgano non é vinculante, só consultivo e dependente do goberno galego. "Ningún acto administrativo pode servir para burlar unha sentenza", sentenciou Antón Masa.

Marco Cernadas, integrante da APDR, apuntou que iniciarán unha campaña con diversos axentes para fomentar actividades económicas sostibles para a ría para partir do momento en que Ence véxase obrigada a abandonar a súa localización. Indicou que, ademais das actividades marisqueiras, verase beneficiado todo o sector turístico e recreativo.

En canto a alternativas en Galicia para creación dunha fábrica de pasta de papel, Masa indicou que os informes que manexa Ence nos que se rexeitaba outra localización se establecían unhas condicións "moi superiores" ás que, a día de hoxe, utiliza a empresa en Lourizán e que non se corresponderían coa superficie, enerxía e auga necesaria na actualidade para desenvolver esta actividade industrial nunha nova factoría.

Arquivado en