A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) fixo pública este luns a súa "fonda preocupación" ante a situación de escaseza de auga na conca do Lérez. Sinala que ten a súa orixe en factores climatolóxicos relacionados co cambio global, de maneira que alerta de que "d non mudar os hábitos de consumo e o modelo de desenvolvemento económico e social hoxe dominante, ameaza con converterse nun fenómeno permanente no tempo" e "comprometer así o benestar das xeracións vindeiras".
Desde o colectivo ecoloxista apunta á "evidente responsabilidade" de Ence na situación e lembra que o río Lérez abastece de auga aos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu e Sanxenxo, ao porto de Marín, aos polígonos industriais de A Reigosa e O Campiño, e á fábrica de Ence, de maneira que existen distintos usos da auga do río, o que obriga a "contemplar prioridades no caso de escaseza prolongada".
A asociación achega datos sobre o consumo de auga de Ence, "o maior consumidor de auga do Lérez". Desde a chegada a Lourizán, e en virtude de dúas concesións dos anos 1958 e 1968, Ence puido captar 129.600 metros cúbicos/día (47.304.000 metros cúbicos/ano), un volume que foi rebaixado pola Xunta de Galicia a 47.520 metros cúbicos/día (17.344.800 metros cúbicos/ano) en maio deste ano, un momento no que (segundo datos da propia empresa) estaba consumindo xa por baixo dese límite (uns 14.000.000 metros cúbicos/ano).
Logo de facilitar estas cifras, sinalan que ven "irresponsable e mesmo denunciable" a actitude da Xunta de Galicia ao manifestar que "en ningún momento deu orde de parada a Ence", limitándose a comunicarlle a situación de risco ecolóxico que presentaba o Lérez, deixando claro, na súa opinión, "máis unha vez" a actitude de "absoluta submisión do goberno galego á empresa pasteira".
"Faltoulle tempo á Consellería de Medio Ambiente para concluír que non ve en Ence un factor chave para explicar a situación de escaseza de auga no Lérez", sinalan desde a APDR, e lembran tamén que Ence, como contrapartida á concesión da súa prórroga no ano 2016, comprometeuse a rebaixar o consumo de auga até os 4.000 metros cúbicos/día (1.380.000 metros cúbicos/ano), un compromiso que aseguran que "segue incumprindo a pesar de ter gozado xa de 6 anos de prórroga".
Neste sentido, esixen á Xunta de Galicia que, no caso de que Ence reinicie a súa actividade con anterioridade á data na que o Tribunal Supremo resolva os recursos pendentes sobre a prórroga, obrigue á empresa a cumprir o seu compromiso fixando eses 4.000 metros cúbicos/día como límite máximo para a captación de auga no Lérez.