A ampliación da EDAR de Paxariñas desbloquea anos de conflito polo saneamento de Poio e Sanxenxo

Poio
10 de xullo 2019

Un acordo a tres bandas entre os concellos de Poio e Sanxenxo e Acuaes permitiu buscar unha solución ao conflito.  Nun ano estarán terminados todos os documentos técnicos necesarios, a finais de 2021 calcúlase que poderán estar xa en obras e a finais de 2023 os traballos estarán terminados

Jerónimo Moreno, Rosa Covo, Maica Larriba, Telmo Martín, Nito Sobral e Chelo Besada presentaron o proxecto
Jerónimo Moreno, Rosa Covo, Maica Larriba, Telmo Martín, Nito Sobral e Chelo Besada presentaron o proxecto / Cristina Saiz

Os problemas co saneamento da zona norte da Ría de Pontevedra terán por fin unha solución tras anos de discrepancias entre administracións que a tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, define como unha "verdadeira tortura". Un acordo a tres bandas entre os concellos de Poio e Sanxenxo e a sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (Acuaes) permitiu desbloquealo cun proxecto que se prevé que estea terminado en 2023. 

A solución chegará a través da ampliación e mellora da actual estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Paxariñas, en Sanxenxo, pero tamén de obras de mellora do emisario de Montalvo e de melloras na rede de saneamento de ambos os municipios.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo; o director técnico de Acuaes, Jerónimo Moreno; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e o alcalde e a tenente de alcalde de Poio, Luciano Sobral e Chelo Besada, presentaron este mércores na Subdelegación do Goberno os primeiros detalles deste proxecto que permitirá mellorar a depuración de Sanxenxo e Poio. 

O proxecto supoñerá un investimento de 24 millóns de euros en dúas fases e xa empezou a dar os seus primeiros pasos. Unha vez que Acuaes e os concellos chegaron a un acordo para desbloquear este problema que levaba anos enquistado, o seguinte avance chegará o próximo 23 de xullo. 

O Consello de Administración de Acuaes, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitará o estudo de alternativas e a redacción técnica do proxecto, que estarán acompañados da declaración de impacto ambiental. Rosa Covo calcula que nun ano estarán terminados todos eses documentos e que a partir de aí se poidan licitar as obras. A finais de 2021 poderán estar xa en obras e a finais de 2023 as actuacións estarán terminadas

A directora de Acuaes destacou que este proxecto permitirá mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra e dar finalmente saneamento a Raxó e Samieira, en Poio. Ademais, dará cumprimento ás esixencias da Unión Europea en materia de verteduras e depuración e permitirá que as verteduras que chegan á Ría de Pontevedra garantan dúas das súas actividades centrais: o marisqueo e o baño nas praias da contorna.   

A actuación desenvolverase en dúas fases. A primeira supoñerá un investimento de 17 millóns de euros ao 50% entre fondos europeos e Acuaes e supoñerá ampliar a EDAR de Paxariñas, acometer o tanque de tormentas e o bombeo de Raxó e acondicionar os colectores e bombeos da liña de costa de Sanxenxo. A segunda fase, de 7 millóns de euros, completará os tanques de tormentas e mellorará os alivios. 

A EDAR de Paxariñas, que actualmente ten unha capacidade de depuración de 10.800 metros cúbicos por día e para atender a 50.000 habitantes equivalentes, atópase ao límite da súa capacidade no verán, pero esta obra permitirá garantir que non só dea servizo a Sanxenxo con folgura senón tamén que permita o saneamento para os veciños de Raxó e Samieira. A súa capacidade pasará a 20.000 metros cúbicos día e 80.000 habitantes

Este proxecto de saneamento desbloqueouse despois de que o proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2018 declarase a actuación de Interese Xeral do Estado, de modo que Maica Larriba sacou peito sobre o feito de que en menos dun ano o actual Goberno socialista logrou solución para un conflito de anos. 

En termos similares expresáronse os representantes municipais de Poio e Sanxenxo. Telmo Martín sinalou que cando o goberno socialista declarouno de Interese Xeral "nos vino Dios a ver" e Chelo Besada cuestionou a actuación ata agora da Xunta de Galicia, administración da que dependeu ata 2018 o proxecto. Nito Sobral animou a "mirar para ou futuro", un futuro que vén marcado pola colaboración entre tres administracións de distinto signo político.

Agora aínda quedan por definir varios detalles como a maneira na que se afrontará o pago dos gastos de explotación de xeito compartido entre os dous concellos ou como se vai financiar a achega de cada un destes municipios para as obras -a un prazo de 25 anos-. Definirase todo antes do inicio das obras, cando se firmará un convenio específico, segundo adiantou Jerónimo Moreno.