O grupo de seguimento pola situación de seca volveuse a reunir este mércores para actualizar os datos do caudal do Lérez, do que se abastecen principalmente os municipìos de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo. Aínda que é certo que as choivas das últimas horas elevaron o volume de auga que transporta o río, a situación de alerta mantense porque "dous días de choiva non resolven a seca", advirte a concelleira do Ciclo da Auga de Pontevedra Carme da Silva.
De feito, a situación segue sendo preocupante, moito máis se se presta atención aos principais modelos meteorolóxicos que auguran ausencia de choivas para o próximos quince días.
"Non tiñamos pensado convocar esta semana o grupo de seguimento, pero o río volveu baixar de nivel", explicou a edila antes de puntualizar que "excepcionalmente" aumentou o seu caudal "porque a conca do Lérez é moi agradecida e a nada que chova, sobe, pero volverá baixar", remarca.
É por iso que pedirá a todos os Concellos que beben do Lérez que manteñan as recomendacións e reduzan os consumos na medida do posible. En Pontevedra xa ordenaron a prohibición de regar campos de fútbol, limitado a rega de xardíns e baldeo de rúas e tamén pecharon as fortes ornamentais, a pesar de que non consomen auga porque son de circuíto pechado. Ademais, recomendan á cidadanía non lavar os coches, non encher piscinas e reducir ao máximo o consumo. Neste sentido, o Concello enviará a todos os usuarios da rede de abastecemento un escrito con recomendacións para aforrar auga.
Estas decisións xa se están facendo notar. Comparando os consumos da capital entre o 20 de xullo e o 20 de agosto do 2021 co mesmo período deste ano, na cidade pasouse de consumir 14.823 metros cúbicos diarios de media o ano pasado a 14.225 metros cúbicos ao día no 2022.
Con todo, no resto de municipios que se abastecen do Lérez a situación é inversa e o consumo, con respecto ao ano pasado, aumentou en máis de 2.000 metros cúbicos diarios. Ten explicación. Non hai malgasto, é que "as outras fontes de abastecemento de Marín, Bueu ou Poio non están nas mesmas condicións que o ano pasado", dixo da Silva en referencia ás escasas reservas que quedan nos mananciais e depósitos municipais destes municipios.
Outro factor que marca a diferenza nos consumos de auga entre municipios é a eficiencia da rede de abastecemento. En Pontevedra apenas hai fugas nas tubaxes, o grao de rendemento das canalizacións está no 91 %, moi por encima das recomendacións oficiais, que se sitúa no 80 %. Con todo, noutros municipios como Sanxenxo a calidade das súas tubaxes está ao redor do 65 %. "Non sabemos a eficacia da rede dos demais, pero polos seus consumos teñen que ter perdas", lamenta.
"A situación é moi seria", insiste a concelleira nacionalista quen lembra que por agora só poden emitir recomendacións, pero se a situación de prealerta pasa ao seguinte nivel xa haberá restricións ao consumo, como cortes puntuais, baixadas de presión ou vixilancia aos usuarios que máis recursos consomen.