Un total de 18,3 millóns. É o diñeiro que investirá o Goberno en 2018 nos diferentes tramos da autovía A-57, á que se seguen referindo circunvalación de Pontevedra. Así se recolle no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que presentou este mércores en Madrid o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro.
Esta infraestrutura, cuxas obras no seu primeiro tramo que foi visitada hai apenas horas por Mariano Rajoy, monopoliza os investimentos previstos polo executivo central.
O tramo en construción, entre Vilaboa e A Ermida, leva a maior parte do diñeiro: 15,2 millóns. Para completar os seus 6,2 quilómetros, destinaranse outros 48,34 millóns nas anualidades de 2019 e 2020.
Pola súa banda, o tramo entre A Ermida e Pilarteiros (Xeve) -que ten cinco quilómetros- recibe 3 millóns de euros para 2018 e resérvanse 95 millóns para executala entre os anos 2019 e 2021.
Apenas 100.000 euros dedícanse ao tramo Pilarteiros-Barro, que terá dez quilómetros, e a conexión coa AP-9 en Curro, que se dilatará un pouco máis no tempo e recibirá 12 millóns ata 2021. O resto do investimento previsto non figura aínda nos PGE 2018.
O Ministerio de Fomento cumpre tamén coa comprometida remodelación do nó de Bombeiros. O orzamento para 2018 recolle 1 millón de euros para esta actuación e outros seis para 2019. Ademais, outro millón será para a adecuación e mellora da PO-11.
Dun segundo ministerio, o de Medio Ambiente, chegarán 596.000 euros para executar o paseo peonil entre Pontevedra e Marín, que se completará con outros dous millóns que o Estado reserva nas súas contas para 2019.
Os PGE 2018 destinan tamén 456.000 para o convenio entre Fomento e a Deputación para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos na provincia, aos que se destinarán outros 3,83 millóns entre 2019 e 2021.
Tamén se recollen 321.000 euros para melloras na N-640, entre a variante de Caldas e o acceso ao porto de Vilagarcía; e figura a remodelación da praza de abastos e da lonxa vella de Cambados, aínda que sen consignación para 2018, reservando máis de 2 millóns de euros para os dous próximos exercicios.