A A-57 entre Pilarteiros e Barro xa ten declaración de impacto ambiental

Pontevedra
08 de xullo 2017

Con este tramo, sinalan desde o ministerio, búscase dar continuidade cara ao norte de Pontevedra á autovía actualmente en proxecto e atender os problemas de tráfico que presenta a N-550 ao norte do núcleo urbano da cidade de Pontevedra, mellorando a mobilidade polo corredor Vigo-Pontevedra

Obras de construción da A-57 en Marcón
Obras de construción da A-57 en Marcón / PontevedraViva

Fomento segue adiante coa tramitación da A-57. O Boletín Oficial do Estado publicou este venres a declaración de impacto ambiental do tramo entre Pilarteiros (Xeve) e Barro, que inclúe a conexión desta autovía coa AP-9 e a Autovía do Salnés en Curro.

Con este tramo, sinalan desde o ministerio, búscase dar continuidade cara ao norte de Pontevedra á autovía actualmente en proxecto e atender os problemas de tráfico que presenta a N-550 ao norte do núcleo urbano da cidade de Pontevedra, mellorando a mobilidade polo corredor Vigo-Pontevedra.

O trazado está dentro da provincia de Pontevedra, iniciándose na ligazón de Pilarteiros da A-57 coa PO-223, discorrendo cara ao noroeste ata atopar o corredor definido pola AP-9 e a N-550 e conectando con estas en Curro (ligazón da AG-41) e en Barro, respectivamente. Con iso complétase a circunvalación de Pontevedra polo norte.

Este tramo, duns once quilómetros, contará cunha plataforma constituída por dúas calzadas de sete metros de ancho, beiravías exteriores de dous metros e medio, bermas dun metro e beiravías interiores de metro e medio. Ademais, terá unha mediana de catro metros.

Transcorrerá polos municipios de Pontevedra, Meis e Barro e incluirá, entre outras cuestións técnicas, tres viadutos e dous falsos túneles, e cruzarase unha vez co Camiño Portugués, con oito estradas e con 41 camiños rurais.

A declaración ambiental conclúe que o trazado proposto non producirá impactos adversos significativos, a condición de que a alternativa seleccionada cumpra cos requisitos ambientais que fixa este informe técnico, tras a avaliación realizada sobre o terreo.

Arquivado en