Tras sete anos de obras -a primeira pedra púxose en outubro de 2015-, a construción do primeiro tramo da autovía A-57 entra na súa "recta final". Así o destacaron os seus responsables durante unha visita aos traballos, xa finalizados, do cuarto e último dos seus viadutos, en Vilaboa.
"Estamos traballando para recuperar o tempo perdido", subliñou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que indicou que este primeiro tramo de 5,7 quilómetros, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), o único que está en obras do futuro viario, está completado ao 77%.
Dos 86,4 millóns de euros que custa este tramo, executáronse xa obras por valor de 50 millóns, aos que hai que sumar outros 16,5 millóns en expropiacións e 4,6 millóns en asistencias técnicas, polo que o investimento restante -entre 2022 e 2023, é duns 15 millóns.
Esta autovía, lembrou Miñones, é unha "demanda histórica" de toda a comarca e permitirá "vertebrar unha zona de Galicia de tanta relevancia como é a área metropolitana de Pontevedra".
Aínda que para que teña verdadeira utilidade deberá completarse o resto do seu trazado ata Barro, outros quince quilómetros máis, o delegado destacou que xa só este primeiro tramo contribuirá a reducir o tráfico pesado que cruzaba a cidade desde as estradas de Vigo e Ourense.
A A-57, segundo o representante gobernamental, é unha "aposta sen precedentes" por parte do Goberno estatal para situar a Pontevedra "no lugar que se merece", dotando á cidade dunha circunvalación de alta capacidade e libre de peaxe.
Nestes momentos, traballan a diario un centenar de operarios e 25 máquinas para completar esta obra "o antes posible" e que poida entrar en funcionamento.
O trazado do tramo Vilaboa - A Ermida parte de Figueirido, próximo á entrada á N-554 e a ligazón coa AP-9, e atravesa os núcleos de Bértola, Outeiro e Boullosa, en Vilaboa; e da Ermida, Pintos, Valladares e Pumariño, en Pontevedra; atravesando o monte da Fracha.
En Vilaboa construirase un ramal de conexión de dous quilómetros para unir a autovía coa ligazón antes mencionada e, no caso de Pontevedra, conectará coas estradas PO-532, PO-542 e a N-541 en dirección e Ourense, no coñecido como ligazón da Ermida.
OS OUTROS DOUS TRAMOS, PENDENTES DA BUROCRACIA
Con respecto aos outros dous tramos aínda sen executar da A-57, o delegado do Goberno detallou que se atopan pendentes de diversos trámites burocráticos.
Así, o tramo entre A Ermida e Pilarteiros (Barro), que ten 5 quilómetros de lonxitude e custará uns 114,2 millóns de euros, está pendente da declaración de impacto ambiental, que se está examinando coa Xunta de Galicia para proceder á súa aprobación definitiva.
O que comunicará Pilarteiros con Curro, servindo de ligazón coa Autovía do Salnés e a AP-9, terá un trazado de 10,22 quilómetros e á súa construción destinaranse 136,7 millóns. No seu caso, ten aprobado o estudo informativo e o proxecto de construción será redactado pronto.
LORES CONSIDERA "NECESARIO" AXILIZAR AS OBRAS
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que entre outras autoridades estivo acompañado do seu homólogo en Vilaboa, César Poza, urxiu ao Goberno a axilizar as obras dunha autovía que considera "fundamental" para toda a comarca.
Os traballos, segundo o rexedor pontevedrés, "estanse a prolongar máis do que nos gustaría a todos", polo que considera "necesario" avanzar no resto de trazado "o máximo posible" porque, pola contra, "non será unha verdadeira circunvalación" para a cidade de Pontevedra.
Aínda así, Fernández Lores entende que este primeiro tramo "xa resolverá algúns problemas" como evitar que atravese Pontevedra gran parte do tráfico pesado que, desde Ourense ou o polígono do Campiño, vai en dirección a Vigo, O Porriño ou Portugal.