Nos últimos 5 anos, o río Támega, ao seu paso por Laza, sofre continuos episodios de contaminación procedente das obras do tren de alta velocidade. Malia ás denuncias ecoloxistas e ás sancións xa interpostas contra as empresas que constrúen o AVE nada cambiou. O Támega é ademais un espazo natural protexido como ZEC, LIC e Zona de Rede Natura. Á vista da pasividade das administracións, ADEGA-Monterrei convocou o pasado 9 de agosto unha marcha reivindicativa en Cerdedelo (Laza) co obxectivo de reclamar que dunha vez por todas freen os vertidos e se adopten cautelas medioambientais nas obras do AVE.