"Nos vamos a dar en donde más nos huele"

08 de febreiro 2018
Actualizado: 18 de xuño 2024

Eu, governo do pepé, douche o que queiras e ti, celulosa, líbrasme de Lores que é o meirande obstáculo que tenho en Pontevedra.b> 

Con este curioso slogan saía á luz unha campanha, unha máis de ence, tempo hai.

Daquela prometían os da pasteira que acabarían co fedor das súas emisións exactamente o 9 de febreiro de 1992, é dicir: 9.2.92 (inxenioso verdade?) E chamáronlhe "el día CE" (de celulosa) O próximo venres cumpriranse...26 anos!! da devandita campanha e o seu obxectivo aínda fica moi lonxe de se acadar... ou non, porque máis parece que o que buscaban os seus promotores era meter no saco unha manchea de cartos dos accionistas importándolhe ben pouco o cheiro e demais historias.

Ben, o caso é que a celulosa vén reproducindo ciclicamante campanhas similares, aínda que desta botan por diante que "el olor cero" é practicamente imposible de acadar. Paréceme ben que se curen en saúde para non repetir erros do pasado. O malo é que a nosa saúde só se cura co peche definitivo da "besta", pero vista a connivencia entre governo e factoría, a cousa vai para moi longo.

A actual estratexia urdida por Casal e companha reincide nos velhos argumentos. Cambian os tempos pero non os guionistas, pois insisten en que non se utilicen os postos de trabalho como moeda de intercambio político, ou iso é o que lhe mandan dicir ós empregados, tras dos que adoitan parapetarse.

Pero... por que os empregados (entre os que conto unha manchea de bos amigos) seguen scracheando ó alcalde a sabendas de que o governo municipal pouco ou nada pode influir no devir da factoría? A resposta é ben sinxela: os que din aborrecer a política, e non dubidan en manter no seu conselho de administración a varios pesos pesados do partido popular, mentres os empregados lhe berran ó alcalde, eles fanlhe a cama por detrás (o ERE de elnosa non é culpa do alcalde nin de Cota, nin de Masa, nin minha) O artífice dese ERE é, única e exclusivamente, a empresa; empresa que debería estar vixilada polo comité de empresa que para iso está e non para armar camorra por Pontevedra adiante. "Tiene huevos la cosa, señor Pedrosa" Ben, logo por que persisten en incordiar ó grupo municipal de governo?

A resposta é tan simple que a pode dar o máis parvo da parroquia: política. Si si, política. É dicir: Eu, governo do pepé, douche o que queiras e ti, celulosa, líbrasme de Lores que é o meirande obstáculo que tenho en Pontevedra. Así de claro, e todo este balbordo, todo este confusionismo absurdo condénsase neste sinxelo binomio: celulosa-pepé = a mesma merda é. Xa sei, soa mal, é escatolóxico e políticamente incorrecto, pero é unha verdade coma un templo.

En canto o tema  aquel de "nos vamos a dar donde más nos huele" está claro que nos deron a todos por "donde más nos huele" E seguen...

Arquivado en