Imposible superar tal desvergonza

16 de novembro 2024

Estou máis que convencida de que se a día de hoxe lle falades a calquera de Estela Blach, ou ben vos mirarán con cara de despiste, ou directamente vos preguntarán quen é, porque o seu nome non lles soará absolutamente de nada.

Ata hai 2 días, o nome de Estela, veciña de Baiona, manexouse sen pudor algún por ser, polo momento, a última vítima mortal de violencia machista, pero, como sempre sucede, a tráxica "fama" de Estela durou o que precisaron os que se lucen á costa da violencia de xénero e fan negocio con ela, para protagonizar os espectáculos de rigor. As fotos, os minutos de silencio, as concentracións...

Hoxe, como xa dixemos, Estela é, cun pouco de sorte, tan só un vago recordo para algúns, agás, naturalmente, para os seus seres queridos, para aqueles que de verdade a choran, principalmente a súa filla.

E isto en Galicia, porque máis alá dos nosos límites, practicamente xa nin se tivo en conta. Para que? Abondo teñen coas "celebrities" como para preocuparse das vítimas anónimas! Nada novo, por outra banda.

Pero ao que ía. Estela Blach, presuntamente asasinada pola súa ex parella, si denunciara ao seu agresor, estaba incluída no sistema VioGén, e existía, ademais, unha orde de afastamento en vigor, orde que, á vista está, foi quebrantada polo seu "presunto" asasino sen ningún problema, o cal deixa en evidencia, unha vez máis, como desde Si, hai saída xa manifestamos en multitude de ocasións, a ineficacia de ambas medidas, tanto polas propias medidas en si como por como se levan á práctica, xa que, aínda supoñendo que foran do máis efectivas, que é moito supoñer, de nada servirían se aqueles que teñen a obriga de vixiar que se cumpran, de facer un seguimento da vítima, do seu agresor, están a calquera cousa agás ao que teñen que estar, por máis vidas que isto custe, e xa van unhas cantas, demasiadas.

Mulleres que depositaron a súa confianza en quen se supón debería protexelas, que denunciaron aos seus verdugos, que respiraron máis tranquilas cando o xuíz ditou unhas medidas, pero que, cando esas medidas foron trasladadas a quen debería de encargarse de que se levaran a cabo, viron como eran totalmente ignoradas, que se atopaban desprotexidas por completo, e cun risco aínda moito maior que o que xa corrían, cun agresor totalmente libre, e notablemente máis agresivo, despois de ser denunciado, pero gozando de total impunidade e liberdade de movementos.

É obvio en quen recae esta responsabilidade, como desde Si, hai saída levamos unha década, que se di rápido, alertando unha e outra vez, sen resultado ningún. Perdón, rectifico, si hai un resultado, eficaz, ademais: que aqueles que incumpren o seu deber e os que se benefician da violencia machista nos dean un empurrón tras outro, tentando sacarnos da circulación.

E, desde hai tamén unha década, ou mesmo máis, antes de que o noso colectivo, para desgusto de moitos e, sobre todo, curiosamente, de moitas, nacera, cada un polo noso lado, estamos a facernos unha pregunta. Como é posible que aqueles que teñen unha responsabilidade directa e máis que evidente na protección destas vítimas, cuxo incumprimento queda máis que evidenciado, e que está a segar tantas e tantas vidas, vidas que estas mulleres aterrorizadas puxeron nas súas mans, teñen o santo valor de, vestindo as súas mellores galas, encabezar minutos de silencio, concentracións e demais eventos polo estilo, sen ningún tipo de escrúpulo, e xa, no colmo do descaro, gabándose da bondade das medidas e da súa "boa xestión"?

Como se pode ter tal amoralidade, tal desvergonza, para exhibirse dun xeito tan noxento cando o que terían que facer é, como mínimo, pedir perdón, recoñecer e asumir a súa responsabilidade e, naturalmente, traballar para mudar o que non está a funcionar?

É que ningún deles son pais, nais, fillos ou irmáns de mulleres que, por moi inverosímil que lles poida parecer, non están libres, nalgún momento das súas vidas, de correr a mesma sorte que esas mulleres que o seu desleixo, a súa irresponsabilidade, axudaron a matar?

Como é posible que poidan durmir polas noites, mirarse no espello polas mañás, e seguir coas súas vidas coma se nada cando levan sobre as súas conciencias tantas vidas brutalmente truncadas de mulleres que sinxelamente fixeron o correcto, denunciando aos seus maltratadores, e confiaron neles, na súa protección?

Manifestou o Subdelegado do Goberno de Pontevedra, e cito textualmente: "Habrá revisiones, siempre las hay cuando hay un asesinato en el ámbito de la violencia machista, se revisará el protocolo y como ha funcionado, pero lo que en principio se nos traslada es que todo se hizo con normalidad y la periodicidad establecida por el sistema".

A nosa pregunta, Sr. Losada, é ben sinxela, e cremos que lóxica, aínda concedendo o beneficio da dúbida. Que agardaba que lle trasladaran, que se fixo mal? E, se realmente tan ben se fixo todo, como é posible que, malia as medidas adoptadas, Estela fora asasinada? E outra cuestión que non é menor, e non estamos a referirnos, agora, soamente ao caso de Estela.

Cando se produce algo similar, por quesempre se sae do paso dicindo que se van investigar as circunstancias, revisar o protocolo, etc., pero nunca se chegan a coñecer os resultados? Sinxelamente, os casos acaban por caer no esquecemento, que claramente é o que se pretende, e á outra cousa. Algo ao que, todo hai que dicilo, colabora a sociedade que non manifesta nin o máis mínimo interese por sabelo.

Outro tanto podemos dicir deses colectivos de "feministas" (non de feministas, como sempre aclaramos), que, unha vez máis, berraron as súas xa desgastadas consignas contra o machismo, contra o patriarcado, que, obviamente, existen, e que hai que traballar para erradicar, pero para o que, como é evidente, non hai unha solución inmediata, pero non pronuncian nin unha soa palabra sobre a auténtica raíz do problema. Porque claro, unha cousa é berrar contra o patriarcado, contra o machismo, así, en abstracto, e outra moi diferente facelo contra a institución que representa ese señor de uniforme que está fronte a elas, no minuto de silencio, ou contra os membros dalgunhas que se colocan ao seu carón, detrás da pancarta e incluso axudándoas a suxeitalas, as que, de boca para fóra, tanto deostan, pero das que cobran, un número considerable delas, de feito cada vez máis, puntual e xenerosamente, cada mes.

Así as cousas, uns polos outros, a casa sen varrer, mentres os asasinatos de mulleres continúan a producirse, e os responsables non saben, non contestan.

O único que queda demostrado é que a ética e a moralidade máis elementais, no que atinxe á violencia de xénero, non existen.

Asociación Si, hai saída