A APDR solidarízase co Ateneo diante da inaceptábel resolución da Xunta

26 de agosto 2023
Actualizado: 18 de xuño 2024

Nunha sorprendente e inexplicábel decisión, a Consellería de Presidencia deixa sen local social ao Ateneo de Pontevedra que, por méritos propios, o tiña conseguido hai catro anos. Coincidimos co Presidente do colectivo, Xaime Toxo, ao sinalar como escandaloso o xeito de actuar da Xunta de Galicia, que deixa fóra unha das máis prestixiosas entidades culturais da nosa comarca.

Rematadas as festas da Peregrina, a presaxiada invernía recollida polo pensamento popular nun coñecido refrán pontevedrés, déixase sentir no mundo cultural e o asociacionismo en xeral ao saber da resolución adoptada pola Xunta de Galicia á hora de asignar locais no edificio administrativo de Benito Corbal.

Nunha sorprendente e inexplicábel decisión, a Consellería de Presidencia deixa sen local social ao Ateneo de Pontevedra que, por méritos propios, o tiña conseguido hai catro anos. Coincidimos co Presidente do colectivo, Xaime Toxo, ao sinalar como escandaloso o xeito de actuar da Xunta de Galicia, que deixa fóra unha das máis prestixiosas entidades culturais da nosa comarca.

Escandaloso e caciquil, engadimos nós.

De acordo co recollido nos medios de comunicación, para a Consellería o Ateneo é merecente dunha cualificación de 0 puntos nos apartados de “actividades” (adecuación ao uso do local e previsión futura), “utilidade pública” e “igualdade”, tres aspectos nos que este colectivo ten méritos abondo probados.

Calquera que coñeza minimamente o panorama cultural pontevedrés, terá que recoñecer, por forza, o inmenso labor desenvolvido polo Ateneo ao longo da súa dilatada existencia, un labor que destaca -e sorprende ao tempo- pola calidade e a cantidade dos actos programados ano tras ano máis, por riba de todo, polo esmero no respecto a pluralidade e ás actividades relacionadas coa igualdade de xénero, e pola defensa da nosa lingua e cultura. Non é de estrañar, xa que logo, que o Ateneo goce dun elevado recoñecemento social, pois é consecuencia directa do xeito de actuar, dun xeito de traballar que responde a criterios e valores que definen a súa utilidade pública, a promoción do interese social en beneficio do conxunto da sociedade.

Non cabe, pois, dúbida ningunha de que estamos diante dunha situación de agravio comparativo na que o Ateneo, cunha impecábel traxectoria pública da que dan boa conta as hemerotecas e as redes sociais, sae prexudicado fronte á practicamente inexistencia de actividades dalgún dos colectivos beneficiados pola inadmisíbel resolución desta convocatoria pública.

Desde a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra”, ao tempo que amosamos o noso apoio solidario co Ateneo de Pontevedra, esiximos á Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia que actúe coa necesaria transparencia que o caso esixe, faga públicos os méritos de cada un dos colectivos participantes na convocatoria e as puntuacións recibidas en cada caso. Só así e, no seu caso, coa reparación do dano causado, cumprirán os responsábeis autonómicos coa súa obriga de actuar de acordo cos principios de xustiza, equidade e méritos que calquera convocatoria pública require.

 

Pontevedra, 24 de agosto de 2023

Pola Xunta Directiva da APDR,
Asdo.: Antón Masa