Xosé Fortes critica a "política criminal" de Ana Isabel Vázquez, que "destruíu o Museo de Pontevedra"

Pontevedra
31 de marzo 2015

O historiador Xosé Fortes sumouse á lista de persoas e colectivos que apoian publicamente a candidatura de Marea Pontevedra ás eleccións municipais do 24 de maio e oficializou ese respaldo cunha posta en escena na que arremeteu duramente contra dúas figuras da actual política local e provincial, César Mosquera (BNG) e Ana Isabel Vázquez (PP)

O historiador Xosé Fortes
O historiador Xosé Fortes / Mónica Patxot - Arquivo

O historiador Xosé Fortes sumouse á lista de persoas e colectivos que apoian publicamente a candidatura de Marea Pontevedra ás eleccións municipais do 24 de maio e oficializou ese respaldo cunha posta en escena na que arremeteu duramente contra dúas figuras da actual política local e provincial, o concelleiro do BNG en Pontevedra César Mosquera e a deputada do PP na Deputación Ana Isabel Vázquez.

Especialmente duro se mostra Fortes con Ana Isabel Vázquez, a quen atribúe unha "política criminal" á fronte do departamento de Cultura da Deputación Provincial, coa que asegura que "destruiu o Museo de Pontevedra". A súa crítica principal refírese á xestión que realizou en relación co uso das salas de investigación da institución cultural, pois "todos os investigadores de Galicia estamos imposibilitados de estudar" nelas.

Segundo asegura, trasladoulle esas críticas persoalmente á deputada hai dous meses nunha reunión no seu despacho na que compartiu con ela que antes da súa chegada había un "sistema modélico" na xestión dos fodos do Museo e agora "é un desastre". Entre outras situacións, denuncia que hai unha ducia de catedráticos da Universidade de Santiago que lle pediron que lle axude a xestionar peticións no Museo, pois encóntranse con casos en que necesitan dous "días para pedir unha fotocopia dunha folla".

Xosé Fortes tamén se mostrou crítico co actual Goberno local de Pontevedra, do que asegura que tivo un bo proxecto inicial e que "fixo cousas que eu valoro" que "non quero deixar de recoñecer", pero o seu modelo "está esgotado". Os seus reproches non se centran no alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, senón no seu equipo, pois asegura que "non son inimigo de ninguén nin teño contra Lores nada en concreto (...), pero hai personaxes que non podo salvar".

Xosé Fortes: "César Mosquera debería ter cesado hai tempo"

Esa figura que centra as súas críticas é o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, do que asegura que " se algo fallou aquí fundamentalmente foi este concelleiro". Os seus reproches son xerais e considera que "César Mosquera debería ter cesado hai tempo", pero móstrase especialmente incisivo no seu cuestionamento do proxecto dos antigos terreos de Tafisa.

O coñecido historiador, que encabezou a candidatura de Unidade Galega nas primeiras eleccións municipais do ano 1979, mostrou o seu total apoio a Marea Pontevedra e mesmo chega a asegurar que "eu apoio porque non podo ir" debido á súa idade, 81 anos, e a que as campañas electoras so nduras, pero o é máis a xestión diaria do concello, da que xa ten experiencia. Sentado na mesa ao lado do candidato actual, Luis Rei, "eu estou aquí porque non teño idade para estar en activo, porque senón a Luis íalle disputar eu o posto". 

Luis Rei valora este apoio simbólico de Xosé Fortes e insiste en que o proceso que deu lugar a Marea Pontevedra "é similar ao que levou adiante Unidade Galega" e us bases programáticas coinciden. De feito, recorda que os catro principios cos que a candidatura de Fortes concorreu ás primeiras eleccións municipais seguen vixentes e "hai deberes que quedan sen facer dende 1979".

Eses catro principios eran rematar co presidencialismo e a política caciquil, xestionar o Concello dende a transparencia, integrar ás parroquias do rural e rematar co casos en materia urbanística da cidade e "por desgraza seguen a ser os catro piares para Marea en 2015".