Coa cabeza alta, así acabou Natalia Castro o Campionato do Mundo Sub-23 Feminino disputado este domingo no marco da Gran Final das Series Mundiais.
A deportista de Bueu, única representante da comarca nas probas importantes do Mundial, asinou un sufrido posto 16 diante dos seus, nunha carreira que pelexou ata o final.
"A verdade é que estou contenta porque o din todo. Síntoo porque hoxe non tiña máis pernas, pero grazas á afección de Pontevedra por facer que non me rendese porque de verdade que o ía pasando moi mal", sinalou Natalia tras a proba.
O certo é que a natación condicionou á galega, saíndo da auga a case un minuto da cabeza de carreira. Iso obrigoulle a un gran esforzo no inicio do sector ciclista para conectar co seu grupo de perseguidoras. Acabouno facendo mediados os 40 quilómetros en bicicleta.
Natalia Castro: "Grazas á afección de Pontevedra por facer que non me rendese porque de verdade que o ía pasando moi mal"
Así, en grupo, chegouse á transición final no interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Empezaban os 10 quilómetros de carreira a pé e alí emerxeu a alemá Selina Klamt para tomar a dianteira ao comezo da segunda volta e marcar un ritmo que só puideron seguir a portuguesa Maria Tomé e a italiana Angelica Prestia. Entre elas estarían as medallas.
Prestia terminou descolgando deixando a pelexa polo ouro entre Klamt e Tomé ata a recta de meta, nun sprint no que se impuxo a alemá cun tempo de 1:57:48.
María Casal sería a mellor española nesta carreira no posto 12 (+2:19) con Natalia Castro no 16 (+2:59).