Pablo Dapena, ansioso por vivir a Gran Final na casa: "Non vou competir, pero se me erizan os pelos"

Pontevedra
19 de setembro 2023

O triatleta pontevedrés, campión do Mundo de longa distancia e embaixador da Gran Final das Series Mundiais, vivirá como un afeccionado máis a competición nas rúas da Boa Vila. "A costa da Praza da Leña para min vai ser o máis espectacular do percorrido, eu se podo vou estar alí", asegura

Rolda de prensa de Pablo Dapena no Concello de Pontevedra
Rolda de prensa de Pablo Dapena no Concello de Pontevedra

Para un deportista como Pablo Dapena que dedicou toda a súa carreira ao tríatlon, chegando a converterse en campión do mundo de longa distancia, poder vivir o maior evento do tríatlon internacional na casa é "o máximo".

"Non vou competir, pero se me erizan os pelos", recoñeceu este martes o pontevedrés, embaixador da Gran Final das Series Mundiais, nunha comparecencia pública acompañado do alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores.

"É algo que vías na televisión e agora valo a ver de preto. Para min que son triatleta profesional, é tremendo", recoñeceu.

Dapena iso si asegura que desde hai anos, cando el mesmo participaba en probas das Series Mundiais, imaxinábase que este momento podía chegar pola gran aposta de Pontevedra por acoller eventos nacionais e internacionais de tríatlon. "Eu imaxinábamo pero non sabía cando ía chegar. Ao final Pontevedra no tríatlon coñécese en todas partes", defendeu.

En canto á competición en si, Pablo espera vivir unhas carreiras con "xente por todos os lados" e sinala un punto como clave no percorrido. "A costa da Praza da Leña para min vai ser o máis espectacular do percorrido, eu se podo vou estar alí", avanza.

En todo caso "vai ser espectacular", defende sobre un evento descomunal en canto a repercusión.

ESCOLA MUNICIPAL DE TRÍATLON

Centrado aínda na súa actividade de atleta profesional, Pablo Dapena ten en mente importantes proxectos para o futuro, entre os que se atopa a creación a partir de 2024 dunha escola municipal de tríatlon.

"Creo que é unha cousa imprescindible nesta cidade, era necesario", asegura. Por iso, antes de poñela en marcha realizará unha serie de visitas a colexios e tambié un campus de verán na que dar a coñecer o seu deporte aos máis pequenos.