Mires onde mires... Hai un triatleta en cada esquina

Pontevedra
22 de setembro 2023

Tanto deportistas como familiares están a aproveitar a semana da competición para coñecer a cidade, sentar nas súas terrazas e esperar con entusiasmo o seu momento de competir

Ambiente durante a semana da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Ambiente durante a semana da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon / Mónica Patxot

Desde hai varios días, o ambiente que vive Pontevedra con motivo da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon está a ser "espectacular" e "marabilla a calquera".

Tanto deportistas como familiares están a aproveitar a semana da competición para coñecer a cidade, sentar nas súas terrazas e esperar con entusiasmo o seu momento de competir.

Unha delas é Araceli González, da Federación de México, que chegou á Boa Vila acompañada de toda a súa familia e está "encantada" coa cidade e coa xente, que "é moi amable".

Para ela, Pontevedra "ten as condicións perfectas para facer tríatlon. A estrada e as instalacións para correr están moi ben", explicou a PontevedraViva. O único incoveniente que lle ve, chanceou, é que "a auga está fría".

Os que tamén están contentos de que a cidade acolla este gran evento son os cidadáns, que ven as rúas cheas de xente e gústalles o "ambiente san" que se respira.

"É unha maneira de promover a cidade, paréceme unha iniciativa moi boa", recoñeceu Paula, que vai tentar ver todas as probas que sexan posibles e gozar deste "evento único".

Rodrigo, pola súa banda, indicou que "me parece estupendo que veñan, están os comerciantes felices e a xente... Hai de todo, ao min gústame que estean aquí".

Precisamente na hostalería están a notar certos cambios. Aínda que é verdade que o horario de apertura ou peche non o variaron con respecto ao verán, si que están a dar comidas e ceas moito máis cedo que antes, adaptándose aos horarios dos estranxeiros.

E é que se mire onde se mire, haberá alguén vestido co uniforme da súa federación paseando pola cidade, correndo ou en bicicleta, o que será un pequeno aperitivo do que será o gran colofón.