Marea propón un plan de emerxencia para as 17.000 persoas en risco de exclusión social de Pontevedra

Pontevedra
26 de marzo 2015

O partido político Marea Pontevedra presentou na súa sede o plan de emerxencia social que incluirá no seu programa para as próximas eleccións do 24 de maio. Ademais de expoñer a situación actual do Concello e das persoas en risco de exclusión social  

Marea Pontevedra
Marea Pontevedra / PontevedraViva

O Plan de Emerxencias para a Cooperación Social que Marea Pontevedra levará no seu programa electoral para os comicios do 24 de maio presentouse este xoves 26 en rolda de prensa na sede da agrupación política pola coordinadora da área de xustiza social Herminia Dios, o candidato á Alcaldía, Luis Rei, e a número dous do partido, Carmen Moreira.

Os integrantes de Marea puxeron sobre a mesa a "emerxencia social" que ten a cidadanía de Pontevedra e a necesidade de crear medidas que "dean solucións reais ás 17.000 persoas pobres que ten este concello" en vez de poñer parches.

A situación de desamparo que sofren as persoas que se encontran en exclusión social non pode ser sufocada por bolsas ou o actual plan de emprego que lanzou o Concello, segundo Herminia Dios.

Dios formula unha pregunta ao goberno local: "como é posible que en Pontevedra siga incrementándose o número de lanzamentos de execucións hipotecarias" tendo en 2014 un superávit do que a concellería tanto se comprace.

17.087 é o número de veciños de Pontevedra que se encontran no albor da pobreza, en distintos graos, segundo o informe realizado polo plan 20/20/20 da Unión Europea e a pesar diso o Concello só dedica 48 euros de media ao ano por persoa en gasto social, o máis baixo de España xunto con Teruel, cando a media no resto de cidades oscila entre os 60 e 100 euros. Luis Rei, que expuxo estes datos, denuncia que esta situación non é permisible tendo un superávit municipal de 4,8 millóns de euros no pasado ano.

A agrupación política propuxo o plan de emerxencias como consecuencia destes datos e das accións actuais que o Concello de Pontevedra está a levar a cabo e que dende Marea Pontevedra ven como meros parches que non axudan a unha melloría a longo prazo da situación social da cidadanía.

Este plan estaría dotado cun 0.7% do presuposto do Concello, que economicamente corresponde a medio millón de euros adicionais que se sumarían á partida presupostaría asignada a axuda social. Este diñeiro sairía dun axuste do propio presuposto municipal aprobado recentemente. Para lograr o axuste desta partida, Marea Pontevedra levaría a cabo unha redistribución dos gastos do Concello, como rebaixar os fondos dos políticos, asesorías, propaganda e protocolo. Ademais de suprimir subvencións como a que recibe a praza de touros de Pontevedra que alcanza os 48.000 euros anuais.

Entre outros plans, Luis Rei destaca devolver ao ámbito público algúns dos servizos básicos privatizados como a auga e o lixo, que aínda que o contrato coas empresas actuais non expira ata 2017 intentaría pactar ata ese entón unha rebaixa do prezo.