Moita da culpa de que Pontevedra sexa sede da Gran Final das Series Mundiais tena Javier Gómez Noya e a súa espectacular traxectoria, con cinco títulos mundiais en distancia olímpica. Centrado agora na media e longa distancia, o 'Gran Capitán' do tríatlon español vivirá como afeccionado o evento e orgulloso da súa cidade, e xa mira de esguello aos Mundiais Multideporte de 2025, onde espera volver competir na casa cun gran obxectivo en xogo.
- Que supón para tí que a Gran Final se celebre en Pontevedra? Sénteste un pouco partícipe diso?
"Oxalá fose cinco anos antes para estar aí pero tiven grandes eventos na casa, xa fun campión do Mundo aquí, non me podo queixar de nada"
Está claro que o tríatlon en Pontevedra creceu paralelo á miña traxectoria deportiva e a doutros grandes atletas que temos na cidade. Creo que é o máximo ao que pode aspirar Pontevedra organizativamente, a final das Series Mundiais é o maior evento que hai no tríatlon no mundo, nun ano preolímpico no que a xente se xoga moito nesta carreira. Sinto moito orgullo de que se faga en Pontevedra, oxalá fose cinco anos antes para estar aí pero tiven grandes eventos na casa, xa fun campión do Mundo aquí, non me podo queixar de nada. Pontevedra vai demostrar unha vez máis que é unha organización experta, que fai as cousas ben, e a xente vai quedar encantada. É un feito histórico.
- Pasoute pola cabeza facer un esforzo para competir?
Realmente non. Si creo que podía participar aínda tal e como estou agora mesmo e facer un papel digno, pero cando vés de gañar mundiais e estar sempre arriba… ademais cambiei a miña idea e os meus obxectivos están máis orientados á media e longa distancia e non tería sentido para min volver atrás por facer unha carreira. Gozarei como afeccionado, tampouco lle quero quitar o sitio a ningún español que estea a loitar polos Xogos Olímpicos. Nunca mo plantexei en serio.
"Creo que podía participar aínda tal e como estou agora mesmo e facer un papel digno"
- Vivilo como afeccionado vai ser moi diferente para tí
Si claro, é diferente, a verdade é que te pos nervioso vendo as carreiras porque as vives moi intensamente, pero creo que vai ser un gran espectáculo. A xeración que hai agora mesmo en distancia olímpica é moi boa, e os pontevedreses, xente de Galicia e España que van vir a ver a competición van gozar dunha gran carreira.
- Desde o teu punto de vista, a quen ves da nova xeración pelexando en duelos como os que ti tiñas cos Brownlee?
Eu creo que na categoría masculina os dous referentes, para min, son Alex Yee que é quizais o máximo favorito para gañar aquí e os Xogos Olímpicos tamén, e Hayden Wilde, un neozelandés. Son mozos de 23-24 anos que o están a facer moi ben e veñen nun nivel moi forte. Eu creo que son os dous grandes favoritos. Léo Bergere tamén vai estar aí, Francia sempre ten un equipo moi potente e van estar os mellores.
"A xeración que hai agora mesmo en distancia olímpica é moi boa, e os pontevedreses, xente de Galicia e España que van vir a ver a competición van gozar dunha gran carreira"
- Preguntáronte moito os triatletas por Pontevedra?
Si, preguntan moito sobre o circuíto, sobre as condicións de adestramento na cidade… pero a xente está moi ilusionada porque saben que Pontevedra ten tradición de tríatlon, que se fan as cousas ben e que vai vir moita xente.
- En 2025 Pontevedra volverá ser sede dos Mundiais Multideporte, co tríatlon de longa distancia no que xa gañaches en 2019. Telo en mente?
Home se estou a competir por suposto que si, porque sería unha distancia na que me estou centrando, pero de aquí a 2025 queda moito aínda. O que estou encantado é de ver que se seguen facendo grandes eventos en Pontevedra, creo que é bo para a cidade, a cantidade de xente e a repercusión que vai traer este Mundial vai ser espectacular.