Que a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon se celebre en Pontevedra é, para o campión do Mundo de acuatlón Cristian Fernández, "algo súper bonito e importante. Ao final é como para un futbolista que a final da Champions se faga na súa cidade".
E aínda que non vai competir na que será a gran festa do deporte, confirmou que estará "todos os días en todas as probas" animando os corredores e, en especial, á armada española, entre os que destacan o vigués Antonio Serrat na categoría absoluta masculina, a buenense Natalia Castro na proba sub-23 feminina e a viguesa e vixente campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio.
'Tianillo' non se considera "nada friki" e non se molla en quen podería gañar a competición. Cre que "vai haber moito nivel e que vai ser unha carreira bastante aberta" e gustaríalle que "Antonio Serrat estivese a pelexar pola vitoria".
O pontevedrés non planeou en ningún momento participar na Gran Final, "temos outros obxectivos esta tempada aínda e por datas de calendario non me cadraba ben", lamentou, e a pesar está a empezar a iniciarse no tríatlon, "témolo aínda un pouco lonxe".
Por iso, un dos seus principais obxectivos a longo prazo é volver competir nos Mundiais Multideporte que se celebrarán en Pontevedra en 2025 e onde no ano 2019 proclamouse campión do Mundo de acuatlón.