O anuncio do presidente da Deputación, Rafael Louzán, de abandonar o proxecto da planta de compostaxe prevista na Canicouva expresado durante o último pleno da Deputación ante a presión dos veciños presentes no salón de plenos provocou a reacción dende as filas socialistas.
O candidato do PSOE por Pontevedra, Agustín Fernández, afirma nun comunicado que se o BNG se tivese comportado dunha forma máis leal co seu socio de goberno no Concello de Pontevedra non se vería nesta "triste situación".
Fernández expresa graficamente este cambio de postura do presidente da Deputación indicando que "Louzán deixou tirado na gasolineira ao BNG e ao alcalde Lores, que debería reflexionar sobre o alcance dos seus acordos con Rafael Louzán, un dous peores emblemas do estilo clientelar do Partido Popular galego". E critica a actitude dos nacionalistas na Deputación ao renunciar a xogar o papel de oposición para comportarse como un socio na sombra, indica o candidato socialista.
Desta forma apunta a que o BNG terá que concorrer ás próximas eleccións municipais defendendo en solitario a construción dunha "planta provincial de lixo en Pontevedra".
Ademais, apunta a que Louzán terá que dar explicacións polo diñeiro público invertido nun informe técnico de viabilidade do proxecto da planta e reclama o alcalde que indique o custo que terá para os cidadáns o desenvolvemento dun proxecto destas características nun lugar que carece dos mínimos servizos.