O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, cre que o seu equipo está preparado, ademais de "ilusionado e centrado" para afrontar o partido de ida da final polo ascenso a Primeira RFEF contra o Betis Deportivo (domingo 26, 19.00 horas).
Iglesias asegura que "o que queremos é traer un bo resultado a Pasarón", sobre todo pola ilusión e apoio que están a recibir por parte de toda a cidade. "A xente que se traslada, esa pantalla xigante... Os xogadores fálano e téñeno presente. Somos conscientes de que temos moita xente detrás e é un plus", defendeu Iglesias este venres en rolda de prensa antes de poñer rumbo a Sevilla.
O técnico non escapa en todo caso da dificultade que supoñerá o duelo do Benito Villamarín, ademais porque "a información que temos é que van estar todos", explicou en relación ao xogadores do filial verdibranco que actúan habitualmente co primeiro equipo.
"É un plantel moi xove con varias nacionalidades, varios perfís, un equipo moi físico tanto a nivel de pernas como a nivel de estatura, con moitos matices parecidos ao Deportivo Aragón, pero sen desmerecer o Aragón creo que con máis calidade individual e máis ritmo con balón", analizou Yago sobre o rival.
Tampouco contará con baixas destacadas o Pontevedra, no que só Azael García arrastra unhas lixeiras molestias quedando fóra da convocatoria.
Un primeiro asalto que, espera Iglesias, non sexa definitivo xa que "a eliminatoria vai culminar en Pasarón", aínda que para iso queda moito aínda e "non pensamos no partido de volta", concluíu un adestrador granate que non poderá sentar no banco ao estar sancionado pero que "tentarei axudar desde fóra" sabendo que "seguramente o pase eu bastante peor que os xogadores".