"Viñamos con toda a ilusión de sacar un resultado positivo aquí para que nos dese seguridade na volta, pero o visto no que campo foi que non fomos capaces de despegar o noso potencial". Así comezou a rolda de prensa de Yago Iglesias de despois da derrota no primeiro partido da segunda eliminatoria do play-off de ascenso a Primeira RFEF.
Pese ao resultado, o técnico saca como punto positivo coñecer en primeira persoa ao Betis e así poder traballar durante esta semana "para darlle a volta en Pasarón". Xogar este tipo de partidos "é un luxo" porque permitiu aos seus xogadores "ir á Romareda e vir ao Villamarín. Visitar este tipo de estadios é o que fai que os xogadores destas categorías póidanse sentir profesionais por un día".
En canto ao partido, Iglesias recoñece que "se viron cousas do que foi o Pontevedra ao longo da tempada e ese é o punto de partida para a volta. O Betis sae moi forte, entra moi ben nos partidos e xoga en casa. Na segunda parte damos un paso adiante, soubemos xogar e dar o paso cara adiante a pesar de ir perdendo. Estamos esperanzados e ilusionados co que se viu", recoñeceu.
Cre que o problema principal foi que fallou o nivel individual dos seus xogadores. Noutros encontros aparece alguén resolutivo e arranxa o partido, pero nesta ocasión a ocasión máis clara acabou dando no poste.
Insiste, en todo caso, que aínda queda o partido de volta e "Galicia e Pontevedra vai responder. Imos encher Pasarón e entre todos imos dar a volta a esta eliminatoria".