O Europeo de Ciclocrós de Pontevedra queda sen duelo Van Aert - Van der Poel

Pontevedra
22 de outubro 2024
Actualizado: 21:47

O Europeo de Ciclocrós de Pontevedra que se celebrará do 1 ao 3 de novembro non vivirá un cara a cara entre as dúas máximas figuras deste deporte, Wout van Aert e Mathieu van der Poel

Wout van Aert, durante unha competición de ciclocrós
Wout van Aert, durante unha competición de ciclocrós / Team Visma | Lease a Bike

Unha das máximas estrelas do ciclocrós internacional borrouse do Campionato de Europa de Pontevedra.

A organización da proba pontevedresa e os afeccionados ao ciclismo soñaban con vivir na Illa das Esculturas, do 1 ao 3 de novembro, un cara a cara entre o belga Wout van Aert e o neerlandés Mathieu van der Poel, grandes dominadores do ciclocrós mundial os últimos anos.

Era unha misión complicada, xa que nas tempadas anteriores centraron os seus esforzos en Mundial e citas de copas do Mundo, e agora empezouse a confirmar.

Bélxica foi a primeira selección en revelar o seu equipo para o Europeo pontevedrés, e a gran ausencia é a de Wout van Aert, triplo campión mundial.

O equipo belga, un dos favoritos sempre a pelexar polas medallas nesta especialidade ciclista, contará no seu equipo elite masculino con Toon Aerts, Eli Iserbyt, Gerben Kuypers, Thibau Nys, Lauren Sweeck, Niels Vandeputte, Michael, Vanthourenhout e Joran Wyseure.

Pola súa banda o seu equipo feminino estará formado por Sanne Cant, Alicia Franck, Mario Norbert Riberolle e Laura Verdonschot, gañadora por certo en 2023 na proba da Copa de España celebrada na Illa das Esculturas.

Desvelada a incógnita belga falta agora por saber se Países Baixos contará con Mathieu van der Poel, seis veces campión mundial e triplo campión europeo de ciclocrós (entre 2017 e 2019), ademais de ser campión do Mundo enestrada.

Tamén os focos estarán postos na selección de Reino Unido, cun Tom Pidcock que en 2022 foi o último en romper a hexemonía do dúo máxico do ciclocrós internacional gañando o ouro no Mundial celebrado en Estados Unidos.