Nunca unha vitoria foi tan dolorosa para o Club Baloncesto Arxil. As de Mayte Méndez cumpriron co que se esperaba delas, vencendo ao Bonosit Unibasket por 70-58. Pero o triunfo do Unicaja en Barakaldo truncou as súas esperanzas de ascenso.
As pontevedresas fixeron pronto os deberes. Cun primeiro cuarto case perfecto, lideradas por Carolina Ribeiro e Margarita Moreira, o Arxil logrou un parcial de 24-15, nove puntos de vantaxe que, ao cabo, serían xa insalvables para o seu rival.
A fraxilidade defensiva das rioxanas, que non se xogaban nada neste encontro, non impediu que as visitantes recortasen distancias e lograsen marcharse ao descanso cunha desvantaxe de sete puntos, co 38-31 no marcador, grazas a dous triplos de María Sanroma.
Pero non foi máis que un espellismo. Tras a continuación, as de Pontevedra reforzaron o seu control sobre a pista, o que sumado a varios ataques mal executados do Bonosit e o acerto anotador de Trajchevska, permitiulles chegar ao último cuarto con once puntos de vantaxe, 58-47.
A partir de aí pouca historia tivo xa o partido. Os últimos minutos, marcados por un balance máis exiguo de puntos e a exclusión de Alborova por cinco faltas, apenas alteraron o marcador, que ao termo do encontro reflectía ese 70-58 final.
Cos deberes feitos só quedaba por coñecer o que fixera o Unicaja en Barakaldo, pero as malagueñas tampouco fallaron e, tras gañar por un contundente 51-71, aseguráronse o cuarto e último billete para os playoff de ascenso á Liga Challenge.
FICHA TÉCNICA
ARXIL (70): Carolina Ribeiro dos Santos (10), María Lago (14), Margarita Moreira (7), Heather Forster (11), Nerea Liste (4) -cinco inicial-. Aldara Vázquez, Carla Fernández, Miriam García, Andrea Glomazic (6) e Nena Trajchevska (18).
BONOSIT UNIBASKET (58): Carla Zabala (4), Lucía Martínez (9), María Angulo (10), Ana Alborova (4), María González (4) -cinco inicial-. Marina Castrillo (4), María Sanroma (14), Angela María Jiménez (6), Lucía Flores, Gloria Muñoz (3).
Árbitros: Daniel López Illán e Iris Díaz Feijoo.
Parciais: 24-15, 14-16 (38-31) -descanso-, 20-16 (58-47) e 12-11 (70-58) -final-.
Incidencias: Partido da última xornada da fase regular da liga Feminina 2, disputado no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.