Top-10 para Irene Trabazo en Holanda

Marín
28 de xaneiro 2019

A ciclista marinense logrou un meritorio décimo posto no Internationale Cyclocross Rucphen, nos Paises Baixos, e ademais participou na proba da Copa do Mundo que se celebrou en Hoogerheide

Irene Trabazo, na derradeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós
Irene Trabazo, na derradeira xornada do Campionato de España de Ciclocrós / Diego Torrado

Positiva fin de semana de competición para Irene Trabazo, que sumou unha importante experiencia internacional nos Países Baixos.

A ciclista marinense comezou a fin de semana cun sobresaliente Top-10 no Internationale Cyclocross Rucphen, de categoría C2. Na cita holandesa  Trabazo finalizou décima a 2:31 da vencedora, Inge Van Der Heijden.

Pero aí non se terminou o periplo competitivo da representante do Club Ciclista Marín, que o domingo tomou parte na última cita da tempada na Copa do Mundo, nunha carreira celebrada en Hoogerheide.

Neste cita de nivel. disputada nun terreo completamente enlamado, Irene concluíu no posto 62 a 8 minutos e 41 segundos da primeira clasificada, a  neerlandesa Lucinda Brand.

Agora, antes de finalizar a tempada de ciclocrós, aínda queda por diante un reto maiúsculo, participar no Campionato do Mundo da especialidade que terá lugar os días 2 e 3 de febreiro en Bogense, Dinamarca.