A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) seguirá contando con Rafael Louzán como presidente para o próximos catro anos.
O ex-presidente da Deputación de Pontevedra foi reelixido para un terceiro mandato á fronte do organismo reitor do fútbol autonómico, tras ser a única candidatura presentada ao proceso electoral.
Louzán accedeu á presidencia da Federación Galega en 2014 superando na votación a José García Liñares, renovando a confianza de clubs, xogadores, adestradores e árbitros en 2018 con maioría absoluta.
Ao ser o único candidato nesta ocasión puidéronse acurtar prazos para a súa toma de posesión, confirmada este mércores, mentres que nas próximas semanas está prevista a convocatoria da nova Asemblea para a súa constitución.
"Manteño a ilusión do primeiro día", asegura o reelixido presidente da RFGF, defendendo que "creo sinceramente que se avanzou moito nos últimos anos, nos que tivemos que facer fronte a unha pandemia mundial para a que ninguén estaba preparado. Seguramente cometemos fallos, pero cando cheguei á presidencia xa dixen con claridade que eu non viña á Federación para poñerme de perfil. Eu estou aquí para tomar decisións e poñer en marcha iniciativas, sempre pensando no beneficio do noso fútbol, do noso fútbol sala, do fútbol gaélico e tamén agora do fútbol a pé. O noso compromiso é maior aínda maior, se cabe, despois do unánime apoio mostrado por todos os estamentos neste proceso electoral".
Rafael Louzán dará a concer en próximas datas a composición da xunta directiva que lle acompañará no cargo ata o ano 2026.