RADIO.- Sairán novos Pablo Abián ou Carolina Marín de Pontevedra?

Pontevedra
01 de decembro 2017

Carolina Marín é a deportista de elite que levou o bádminton á retina do público xeral. Aquí en Pontevedra, dous mozos propuxéronse cunha escola deportiva e un club que este deporte volva estar presente e con representación. Por agora empezan con bo pé e cóntano en PontevedraViva Radio

Conversas na Ferrería con Jesús Pereiro e Manuel Brea
Conversas na Ferrería con Jesús Pereiro e Manuel Brea

Dous mozos learon "a manta á cabeza" ante o baleiro que atoparon unha vez que se trasladaron da Estrada ao Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Eles son Jesús Pereiro, presidente do Club de Bádminton Ravachol Pontevedra - que xoga desde hai quince anos -; e Manuel Brea, o seu adestrador, que leva enganchado a este deporte desde hai once anos.

Cóntannos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio que non se imaxinaban "o tempo que ía a trascurrir desde que nos decidimos ata que foi unha realidade". Houbo un aliciente durante a etapa de xestións, que en todos os colexios pontevedreses nos que estiveron practícase o bádminton. 

Tanto a escola deportiva como o Club Bádminton Ravachol Pontevedra xa é unha realidade desde octubro; comezaron con bo pé, organizaron un torneo oficial sub 11 e sub 17 cunha participación moi alta, "pero coa pena que os nenos de Pontevedra non puidesen debutar".

O próximo reto estará o próximo día 9 de decembro cando Pontevedra acollerá a fase final da Liga Galega de Clubs.

Nesta charla explican igualmente en que consiste este deporte, recentemente olímpico - desde Barcelona 92 -, que competicións existen en Galicia, as ligas, os equipos e que nomes galegos non hai que perder nesta disciplina.

Non hai escusa coa idade para empezar, é cuestión de achegarse ao Sánchez Cantón, velos, preguntar e arrancarse á práctica.