Pontevedra "ensaiará" a organización do Europeo de Loita co Campionato de España

Pontevedra
13 de marzo 2018

Pontevedra será o escenario do Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas, que se celebrará este sábado no Pavillón Municipal e reunirá a máis de 370 competidores

Anxos Riveiro presentou o Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas
Anxos Riveiro presentou o Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas / María López

Pontevedra converterase no escenario do Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas, no que a selección galega espera facer un bo papel e conquistar o podio novamente tras a súa vitoria no Campionato de España Absoluto, celebrado en febreiro en Murcia.

O torneo foi presentado este martes no Concello pola concelleira Anxos Riveiro, acompañada de Jose Luis Olazábal, presidente da Federación Galega de Loita (Fegaloita). Olazábal aproveitou para salientar o traballo que se realiza desde a Federación máis aló da celebración de campionatos xa que, soamente en Pontevedra, impulsáronse máis de quince centros escolares que permitiron a práctica de deporte a máis de mil escolares.

O Campionato de España terá lugar este sábado 17 nas instalacións do Pavillón Municipal de Pontevedra, no que o público poderá gozar, por unha banda, da competición escolar dos máis pequenos de 10.00 a 13.30 horas. Posteriormente, ás 14.30, darase inicio ao campionato nivel cadete, que se estenderá ata as 20.00 horas, aproximadamente.

Máis de 500 combates poderán ser vistos no pavillón da Boa Vila, que unha vez máis quere perfilarse como unha cidade moi activa na organización de eventos deportivos. Como quixo destacar a concelleira, "a loita é un deporte moi querido, e por iso deseñamos unha programación que atraia a celebración deste tipo de campionatos en Pontevedra". O torneo desta fin de semana será unha especie de "ensaio" de cara á celebración do Campionato Europeo Junior de Loitas Olímpicas, que se realizará o próximo ano en Pontevedra, un acontecemento sen precedentes que achega valor á contorna.

Florencio Pintos, secretario da Fegaloita, destacou durante a presentación no Concello que as deportistas galegas pontevedresas Noelia Galín e Judith Varela, ambas as dúas campioas de España, protagonizan o cartel oficial do Campionato de España Escolar e Cadete este ano, un feito que sen dúbida supón un orgullo para a Fegaloita, o deporte galego e a propia cidade, segundo explicou Pintos.