Pasarón, candidato a acoller en decembro un partido da Selección Española Absoluta Feminina

Pontevedra
14 de setembro 2023

A Real Federación Galega de Fútbol propuxo á Federación Española acoller un partido oficial da Nations League Feminina o próximo mes de decembro, que se disputaría no Estadio Municipal de Pasarón. O organismo reitor do fútbol galego confía en pechar o acordo este mesmo venres

España, campioa do Mundo de fútbol tras vencer na final a Inglaterra
España, campioa do Mundo de fútbol tras vencer na final a Inglaterra / RFEF

A Real Federación Galega de Fútbol propuxo á Federación Española acoller un partido oficial da Selección Española Absoluta Feminina, flamante campioa do Mundo.

A idea do organismo reitor do fútbol galego é que este encontro, correspondente á Nations League Feminina, se dispute o próximo mes de decembro no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra, cidade natal da representante galega do combinado nacional e unha das grandes protagonistas do Mundial, Tere Abelleira.

Asegura a federación presidida por Rafael Louzán que as negociacións están xa moi avanzadas confiando mesmo que se pode pechar o acordo este mesmo venres na reunión prevista en Madrid da xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol.

O choque internacional, aínda por decidir, sería ante a selección de Italia ou de Suecia, dentro das xornadas previstas no Grupo A4 da máxima categoría da Nations League.

A Federación Galega avanza que, no caso de confirmarse a elección de Pontevedra como sede, será o organismo autonómico o que asuma o custo do canon correspondente a este tipo de eventos.

De darse o caso, sería o segundo encontro internacional absoluto que acolla o Estadio Municipal de Pasarón tras a súa remodelación, xunto ao partido amigable que xogou a Selección Española Masculina fronte Arabia Saudita en setembro do ano 2012.