A recta final da tempada de tríatlon será especial para o Tríatlon Rías Baixas e para o pontevedrés Pablo Dapena.
O campión mundial de longa distancia decidiu este ano sacar a súa licenza nacional co renovado club da súa cidade, co obxectivo de botar unha man aos seus amigos e comptir con eles "sempre que lle sexa posible", sinalaba o pasado mes de febreiro o Rías Baixas.
Con todo, cun calendario centrado nas grandes citas internacionais e dentro da estrutura do potente BMC, non puido estrearse coa cor amarela do club pontevedrés, ata o de agora.
Xa hai data para esa estrea, e é que Dapena inscribiuse no Eivissa Half Triathlon, proba final da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia que se disputará o próximo 23 de outubro cun percorrido de 2 quilómetros de natación, 90 quilómetros ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé. Ao tratrse dunha cita do calendario nacional, competirá coa súa nova camisola do Rías Baixas.
Todo un acicate ademais para o seu equipo, que actualmente ocupa o cuarto posto na Clasificación Nacional de Clubs de Media e Longa Distancia e que aspira a asaltar o podio, o que sería todo un logro despois dunha intensa tempada. Ademais o Rías Baixas ocupa o posto 49 Clasificación Nacional de Clubs de todas as distancias.
No que respecta a Pablo Dapena, prepárase para pechar a súa tempada con dúas carreiras, a de Ibiza o 23 de outubro e antes, o 15 de outubro, co Challenge Mallorca.