Pablo Dapena e Anneke Forrest, gañadores da XX edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon

Pontevedra
21 de agosto 2021

A contorna da Ponte dos Tirantes acolleu este sábado a vixésima edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon, que este ano tamén foi campionato galego na modalidade de sprint. Nesta ocasión, o gañador en categoría masculina foi o pontevedrés Pablo Dapena, mentres que Anneke Forrest, do Ciudad de Lugo, venceu na feminina

Pablo Dapena no XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon
Pablo Dapena no XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon / Mónica Patxot

A contorna da Ponte dos Tirantes acolleu este sábado a vixésima edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon, que este ano tamén foi campionato galego na modalidade de sprint. Nesta ocasión, o gañador en categoría masculina foi o pontevedrés Pablo Dapena, mentres que Anneke Forrest, do Ciudad de Lugo, venceu na feminina.

Con saída no pantalán do paso do Lérez, os participantes percorreron 750 metros a nado, 19,8 quilómetros en bicicleta e 4,95 quilómetros a pé.

Jorge González foi o primeiro triatleta en saír da auga, seguido moi de preto de Andrés Pierto, Andrés Cendán e Pablo Dapena, que saíu en cuarto posto cun tempo de 8:56.

Entre os catro estaba a ser a pelexa polo podio, intercambiando posicións durante o tramo ciclista e finalizándoo cunha diferenza de tan só 7 segundos entre o líder, Andrés Prieto, e o cuarto, Jorge González. 

No segmento a pé, o pontevedrés pisou o acelerador para remontar con claridade, adiantando aos seus adversarios para facerse coa medalla de ouro do XX trofeo Ciudad de Pontevedra cun tempo de 57:01. Segundo atravesou a meta Andrés Cendán (57:20) e terceiro chegou Andrés Prieto (57:53). 

Pola súa banda, en categoría feminina a gañadora foi a triatleta do Ciudad de Lugo, Anneke Forrest.

O tramo a nado foi moi axustado, con diferenzas de poucos segundos entre as primeiras en saír da auga. O desaxuste chegou no tramo en bicicleta, cando Anneke Forrest afastouse en case dous minutos do grupo perseguidor liderado por Natalia Castro.

A lucense non tivo rival e só tivo que manter o ritmo na carreira a pé para lograr o primeiro posto ao parar o cronómetro en 1:04:47. Natalia Castro chegou en segunda posición (1:06:19) e Raquel Alzaga foi terceira (1:07:00)

O acto de entrega de medallas presidírono o triatleta Javier Gómez Noya; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Galega de Triatlon  (Fegatri), Gonzalo Triunfo.