A dous partidos do ascenso está o Pontevedra Club de Fútbol, que xa ten todos os seus sentidos postos na eliminatoria final que lle medirá ao Betis Deportivo.
"É un equipo que os expertos de Segunda RFEF din que é o mellor filial da categoría. Destaca sobre todo pola súa calidade técnica e xogadores con moito poderío físico", sinalaba nada máis realizarse o sorteo o adestrador granate, Yago Iglesias. Pero, que lle espera ao equipo da Boa Vila?
O segundo equipo verdibranco finalizou a liga regular na quinta posición do Grupo 4 con 53 puntos, e na primeira rolda da fase de ascenso desfíxose con contundencia do CE Europa catalán, cun 2-0 en Sevilla e outro triunfo a domicilio por 1-3.
Desde a xornada 29 do campionato o filial está dirixido por unha lenda do club como Arturo García 'Arzu', futbolista que chegou a ser capitán do primeiro plantel na máxima categoría, ao ascender desde o equipo xuvenil pola marcha de Alberto González ao Albacete da Segunda División. Desde a súa chegada o Betis Deportivo perdeu o seu primeiro encontro para sumar despois cinco vitorias e tres empates incluídos os resultados do play-off.
En termos xerais o filial verdibranco foi o segundo mellor equipo como local do seu grupo sumando 37 puntos (11 vitorias, 4 empates e 2 derrotas), pero baixou notablemente o seu rendemento fóra da casa (16 puntos) con só dous triunfos como visitante na liga regular (2 vitorias, 10 empates e 5 derrotas). Todo iso con 44 goles a favor e 28 en contra, con ata 13 porterías a cero ao longo da iga.
Trátase ademais dun equipo que, como bo conxunto de canteira, contou con moita mobilidade nas convocatorias, con futbolistas en dinámica do primeiro equipo e outros aparecendo desde o xuvenil. De feito chegou a usar ata 34 futbolistas.
Unha das máximas incóngitas que terá o Pontevedra ata última hora é saber a súa precisamente algún dos homes que se asentou en Primeira División reforzará o Betis Deportivo durante a eliminatoria. Neste sentido destaca Assane Diao, que participou en cinco xornadas co segundo equipo (a última no mes de abril) e ata 18 encontros co primeiro equipo (1.054 minutos e dous goles). Saínte dunha lesión, a última semana volvía estar dispoñible aínda que non entrou na convocatoria nin co Betis de Pelegrini nin co filial.
Ademais o porteiro Fran Vieites xogou tres encontros en Primeira esta tempada e foi convocado 28 xornadas máis, incluída a última a pasada fin de semana fronte á Real Sociedad, mentres que chegaron a debutar no primeiro equipo (dous partidos cada un) os defensores Pablo Busto e Visus.
Un equipo que mestura talento e mocidade pero no que aparece algún caso curioso como o do francés Yassin Fekir, con 26 anos e experiencia en Primeira RFEF co Betis Deportivo e a Balompédica Linense, ademais de xogar no Guijuelo na Segunda B.
Por último o seu máximo goleador é o centrocampista Mawuli con 9 goles, seguido do dianteiro Yanis (8) e do medio ofensivo Sorroche (7).