O TM Monte Porreiro aposta polo "equipo máis novo da nosa historia" na División de Honra Feminina

Pontevedra
18 de setembro 2024

O conxunto pontevedrés, que en 2022 quedou a un paso do ascenso á máxima categoría nacional feminina, aposta este ano polo talento novo para competir na División de Honra, nun plantel que se completa coa incorporación da portuguesa Susana Costa

Noa Bernárdez, xogadora do Tenis de Mesa Monte Porreiro
Noa Bernárdez, xogadora do Tenis de Mesa Monte Porreiro / Tenis de Mesa Monte Porreiro

Nova tempada e novos obxectivos para o Tenis de Mesa Monte Porreiro.

Ademais de afrontar un novo curso na Superdivisión Masculina, o equipo pontevedrés prepara a que será a súa 15ª campaña consecutiva na División de Honra Feminina, e farao apostando polo talento xove.

Despois de quedar fai un par de anos ás portas do ascenso á máxima categoría, o Monte Porreiro conformou "o equipo máis novo da nosa historia, cheo de ilusión", explica a entidade.

Estará composto por novos valores da canteira e do tenis de mesa galegos xunto a unha incorporación chegada desde o país veciño. Trátase de Susana Costa, internacional lusa sub-19.

Xunto a ela estarán Noa Bernárdez, Mariña García, Candela Oubiña, Alba Álvarez e Alba Prado.

A competición na División de Honra Feminina dará comezo o domingo 29 de setembro, e farao cun derbi local para o Visit Pontevedra ao enfrontarse en Príncipe Felipe ao Pontevedra TM, equipo que o pasado ano finalizou a liga regular en terceiro posto polo quinto lugar do Monte Porreiro.