Certificado o descenso matemático a Segunda RFEF, o Pontevedra atópase a mediados de maio con tempo para planificar a próxima tempada na cuarta categoría nacional.
Unha vez diregido o mal grolo, no seo do club granate deberán tomar importantes decisións en todas as parcelas, desde a dirección deportiva pasando polo banco e polo plantel, onde un bo número de xogadores conta con contrato en vigor, e deberán facelo canto antes para evitar reproducir erros do pasado.
DIRECCIÓN DEPORTIVA
Tras a saída de Toni Otero como responsable da dirección deportiva, ao pasar a ser primeiro adestrador do equipo e despois rescindir a súa vinculación co club o pasado mes de febreiro, esta figura quedou deserta na entidade pasando a depender as decisións directamente do Consello de Administración, que xa tiña antes a última palabra sobre calquera operación.
Agora está por ver como se reestrutura esta parcela e se Charles Días terá responsabilidade nela, confirmada a súa intención de seguir vinculado ao Pontevedra. Polo momento o brasileiro limitouse a sinalar tras o choque contra Unionistas que aínda non se definiu a súa nova función no club: "Aínda non o sei, temos que sentarnos, falar", afirmou.
BANCO
O posto de adestrador é outra das grandes incógintas do novo proxecto deportivo, tendo en conta que Juan Señor non logrou o obxectivo da permanencia que activaba automaticamente en caso de conseguila un ano máis o seu contrato.
Sen esa cláusula todo apunta a un novo preparador que acentúe a renovación que se plantexa, e que debe incluír á súa vez un reforzo da parcela técnica.
UN NÚMERO IMPORTANTE DE XOGADORES CON CONTRATO EN VIGOR
Outra área na que se esperan importantes novidades é na referente á composición do plantel. Algúns cambios serán obrigados pola saída de homes importantes xa sexa pola súa retirada, como o caso de Charles, como por fin de contrato e de contar con importantes propostas de superior categoría, como sucede con Miguel Román ou Brais Abelenda.
Neste sentido, aínda que o descenso pode supoñer igualmente a saída dalgún deles, ata 9 futbolistas asinaron no seu momento un contrato que terminaba en 2024, e non ao final da actual campaña.
Entre eles atópanse casos de xogadores con moito peso en plantel e afección como o capitán Álex González, o centrocampista Yelko Pino e o dianteiro Rufo, pero tamén futbolistas fichados tras o salto a Primeira RFEF como o lateral Ángel Bastos, o central Luís Martínez, o centrocampista Borja Domínguez, o terceiro gardameta Viktor Nikolov e o atacante Jon Bakero, cuxo rendemento foi ao longo da tempada obxecto de debate. Completa a lista o extremo Oier Calvillo, que prolongou un ano a súa vinculación co Pontevedra antes de saír cedido ao Calahorra da Segunda RFEF.
Doutra banda o pasado verán, cando se confirmaron as saídas dos canteiráns Santi Figueroa e Iñaki Martínez ao Arosa, no que gozaron de moito protagonismo esta tempada, o Pontevedra informou que contaba cunha "opción de recuperación" sobre os xogadores, que agora deberá decidir se fai efectiva. Ambos os dous ocupan xa praza de futbolistas sénior.