O Guijuelo, un rival ao que historicamente se lle atragoa Pasarón

Pontevedra
28 de setembro 2023

Nas súas oito visitas ao Estadio Municipal de Pasarón entre Liga e Copa Federación desde o ano 2007, o equipo salmantino só conseguiu rabuñar un triunfo e dous empates, con cinco derrotas. Unha estatística que cambia radicalmente co Pontevedra actuando como visitante

Partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón da tempada 20-21
Partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón da tempada 20-21 / Mónica Patxot

Desde a tempada 2006-2007, na que coincidiron por primeira vez en Copa Federación, o Pontevedra Club de Fútbol e o Club Deportivo Guijuelo, foron rivais habituais primeiro na Segunda División B e agora na actual Segunda RFEF, compartindo espazo no Grupo I da competición.

Este domingo 1 de outubro (17.00 horas) volverán ver as caras no Estadio Municipal de Pasarón, co conxunto salmantino empolicado á segunda posición tras un arranque de competición no que sumou 9 dos 12 puntosa posibles, polos 5 que acumula o equipo adestrado por Yago Iglesias. 

O Guijuelo visitou Pasarón desde aquel primeiro partido en febreiro de 2007 un total de oito veces, un escenario que tradicionalmente se lle atragoa pero que compensa na estatística cando é o equipo granate o que actúa como visitante no Estadio Municipal de Guijuelo.

En total o Pontevedra impúxose en cinco deses partidos, un de Copa Federación e catro en liga, con dous empates (un na última visita en febreiro de 2021 cun 0-0) e un triunfo visitante, na primeira xornada da campaña 15-16 (0-1).

Pola contra como visitantes os granates só conseguiron vencer unha vez en campo contrario, nesa mesma campaña 15-16 (0-1), acumulando despois seis derrotas e dous empates, incluíndo nesa serie unha eliminación en primeira rolda da Copa do Rei.

O encontro deste domingo será en todo caso outra historia, co Pontevedra necesitado de puntos tras os seus últimos empates a domicilio. Unha cita na que será baixa Marcos Barbeiro tras a súa recente operación de xeonllo pero na que Yago Iglesias espera poder contar co resto do plantel á súa disposición. Pola súa banda o Guijuelo non poderá contar con Pica por sanción e Quintana por lesión.