O Galaico Sincro relaciónase cos mellores clubs de España

Pontevedra
05 de marzo 2018

O club pontevedrés logrou importante resultados no Campionato de España Alevín e Infantil de Natación Artística celebrado en Zaragoza, cunha medalla de prata conseguida por Merce Domínguez e clasificando aos seus equipos na Primeira División

Equipo do Galaico Sincro que participou no Campionato de España en Zaragoza
Equipo do Galaico Sincro que participou no Campionato de España en Zaragoza / Club Galaico Sincro

O Campionato de España de Inverno Alevín e Infantil de Natación Artística celebrado durante a fin de semana en Zaragoza non puido resultar máis positivo para un dos clubs da cidade, o Galaico Sincro.

Os seus dous equipos, tanto o alevín como o infantil, quedaron clasificados entre os 16 mellores de España, gañándo o dereito para entrar na primeira división nacional.

En categoría alevín as pontevedresas finalizaron no posto 14 da clasificación por equipos, mentres que na infantil foron 16º entre os 31 clubs participantes.

Un importante paso adiante para o Galaico Sincro, que se relacionará coas mellores entidades de España.

Aínda por riba, a nivel individual o club pontevedrés sumou unha medalla no campionato nacional, a conseguida por Merce Domínguez en figuras da categoría alevín, ao conseguir a prata e situarse entre as mellores nadadoras da súa idade.