O Concello contratará unha 'app' para mellorar a comunicación cos clubs deportivos da cidade

Pontevedra
05 de febreiro 2020

Esta ferramenta está incluída nos orzamentos que pretende aprobar o goberno local, segundo avanzou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández

Tino Fernández na sala de prensa do Concello
Tino Fernández na sala de prensa do Concello / Paula Sanmartín

Mellorar a comunicación cos clubs deportivos da cidade e facilitar a tramitación das axudas é o obxectivo da 'app' que ten previsto contratar o Concello nos próximos meses.

Así o defendeu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explicando que esta ferramenta está incluída nos orzamentos que pretende aprobar este venres o goberno local.

O edil sinalou por outra banda que as subvencións aos clubs correspondentes á tempada 18-19 están "a piques de resolverse" e "pagaranse a partir do mes de marzo", o que deixaría pendente soamente as axudas correspondentes á tempada en curso, a 19-20, coa idea de que se tramiten e resolvan antes de final de ano, confirmou o responsable municipal de deportes.

No que respecta a as subvencións para a organización das escolas deportivas, Fernández sinalou que se procedeu ao pago do 30% das mesmas, o que corresponde ao adianto que se pode solicitar, e o 70% restante será abonado a medida que os clubs vaian xustificando os gastos.

A CONCELLERÍA DE DEPORTES ASUME OS GRANDES EVENTOS

Por último Tino Fernández confirmou que o goberno local tomou a decisión de reagrupar as competencias deportivas na Concellería de Deportes, recuperando así a responsabilidade sobre a organización de grandes eventos deportivos que desde o inicio do mandato recaía en Anabel  Gulías.

"A experiencia destes meses demostrounos que por razóns de operatividade é mellor que todo o deporte estea na mesma concellería", recoñeceu asegurando que segue traballando de xeito conxunto co alcalde na preparación do calendario de eventos deportivos.