Mirando xa cara ao play-off: Formato, posibles rivais...

Pontevedra
29 de abril 2024

Confirmada a segunda posición en liga a falta dunha xornada, xa sen opcións de ascenso directo, o Pontevedra Club de Fútbol mira cara a un play-off no que terá vantaxe de campo, con dúas eliminatorias nas que a volta se disputará no Estadio Municipal de Pasarón

Tifo no Fondo Norte de Pasarón no partido de liga entre Pontevedra e Ourense CF
Tifo no Fondo Norte de Pasarón no partido de liga entre Pontevedra e Ourense CF / Cristina Saiz

Confirmada a segunda posición en liga a falta dunha xornada, xa sen opcións de ascenso directo, o Pontevedra Club de Fútbol mira cara a un play-off dos de sempre, con eliminatorias de ida e volta e afastado da sede neutral imposta tras a pandemia.

Os granates, co segundo posto, aseguran unha importante vantaxe nesas eliminatorias, e é que en ambos os dous casos xogará a volta no Estadio Municipal de Pasarón. Ademais, para premiar os mellor clasificados, no caso de empate final no global, prórroga incluída, non deberá pasar polos lanzamentos de penaltis xa que lle valería para pasar de rolda.

Segundo explican as bases de competición da Real Federación Española de Fútbol xogarán a fase de ascenso "os 20 clubs clasificados entre os postos 2º e 5º de cada un dos grupos e constará de dúas eliminatorias (semifinais e finais) nas que os encontros se determinarán mediante sorteo, enfrontando aos que obtivesen mellor clasificación contra os que obtivesen peor evitando, ata onde sexa posible, que se enfronten dous equipos que pertencesen ao mesmo grupo".

Isto quere dicir que para o primeiro duelo o Pontevedra verá as caras seguro cun quinto clasificado, excluíndo o do seu propio grupo de liga regular, e no caso de superar o envite farao preferentemente cos equipos peor clasificados na fase regular. Isto descarta cruzarse na práctica con outros segundos clasificados, o que elimina algún que outro 'coco'.

A falta dunha xornada, os equipos que van disputar o play-off están practicamente decididos, pero aínda se pode producir algún cambio.

No Grupo I dos granates, co Ourense CF xa ascendido, Zamora e Guijuelo entrarán no bombo como terceiros e cuartos respectivamente, mentres que a quinta praza disputaranlla no último encontro da liga regular o Rayo Cantabria, o Langreo e o Compostela. É o único grupo no que aínda poden entrar novos aspirantes.

No Grupo II pola súa banda está todo confirmado: o Bilbao Athletic é xa equipo de Primeira RFEF, o Barakaldo segundo, a UD Logroñés é terceira, o Utebo cuarto e o Deportivo Aragón quinto.

Más aberto está o Grupo III, co Hércules líder con 62 puntos, o CE Europa segundo con 60, Lleida Esportiu terceiro con 58, Badalona Futur cuarto con 56 e UE Sant Andreu quinto con 55. Máis aló de decidir aquí o primeiro e segundo lugar que evitaría un cruzamento co Pontevedra, calquera dos outros tres equipos pode chegar a ser quinto, incluso o Lleida que ten o average perdido co Sant Andreu e que se mide na última xornada a un Hércules que se xoga o ascenso directo.

No que respecta ao Grupo IV o Sevilla Atlético está ascendido e o Yeclano é segundo, pero aínda poden variar o resto de postos co Marbella FC terceiro con 55 puntos, o Betis Deportivo cuarto con 52 e o Orihuela quinto con 51.

Por último no Grupo V está todo por decidir co Numancia líder con 60 puntos seguido de Gimnástica Segoviana e UD Sanse con 58 puntos, Getafe B con 56 e o Atlético Paso con 53, aínda que pode gañar unha posición.

Desta forma, a día de hoxe, os posibles rivais no bombo do play-off para a primeira eliminatoria serían o Deportivo Aragón (filial do Real Zaragoza), UE Sant Andreu, Orihuela ou Atlético Paso, equipo canario da illa da Palma. Pero cunha xornada por diante o panorama aínda pode variar. 

O sorteo da primeira eliminatoria do play-off de ascenso producirase o vindeiro luns 6 de maio ás 13.00 horas, segundo confirmou a Real Federación Española de Fútbol.