Miguel Rodríguez e Aida Nuño, dominadores no inicio da Copa Galicia de Ciclocrós en Pontevedra e Poio

Pontevedra
04 de outubro 2021

Ambos os dous ciclistas fixeron dobrete nas probas inaugurais do certame autonómico que se disputaron durante a fin de semana baixa a organización respectivamente do CD Pinarium e do Poio Bike Club

Líderes de la Copa Galicia tras o IV Ciclocrós Poio Móvese
Líderes de la Copa Galicia tras o IV Ciclocrós Poio Móvese

A Copa Galicia de Ciclocrós levantou a fin de semana o pano da súa edición 2021 cunha dobre cita en Pontevedra e Poio que contou cos mesmos dominadores, Miguel Rodríguez e Aida Nuño, nas carreiras elite-sub23.

No apartado masculino Rodríguez deulle ao seu equipo, o Supermercados Froiz, o debut soñado no seu recuperado proxecto de ciclocrós. Venceu primeiro o sábado no V Ciclocrós Concello de Pontevedra organizado polo CD Pinarium no Hipódromo de Campañó superando por máis de medio minuto a Rubén Deaño (CC Ourense Termal) e en máis dun minuto a Samuel González (CC Más que bicis), segundo e terceiro respectivamente. Aínda por riba o sub-23 do Froiz repetiu o domingo no IV Ciclocrós Poio Móvese organizado polo Poio Bike Club con Samuel González segundo e o seu compañeiro de equipo Fabián Rodríguez no terceiro chanzo do podio.

Pola súa banda na categoría elite e sub-23 feminina a gran dominadora e líder do certame é Aida Nuño (Río Miera-Cantabria Deporte), ao superar tanto en Pontevedra como en Poio con autoridade a Carla Fernández (Team Farto) e a María Jesús Barros (CC Spol), repetindo en ambas as probas o podio de honra.

Unha fin de semana que serviu de aperitivo para o que está por vir en Pontevedra, coa primeira cita puntuable da Copa de España que terá lugar na Illa das Esculturas prevista para o vindeiro sábado 8 de outubro e que terá categoría internacional  C1, e tamén en Marín o domingo co Ciclocrós Internacional Xaxán CX.