Por quinta vez nos últimos anos Marín organizará un Campionato de España de Baloncesto. Será, do mesmo xeito que en 2017, de categoría infantil aínda que neste caso masculina.
Federación Galega de Baloncesto e Concello de Marín subscribiron este xoves o convenio de colaboración para a organización do evento, que se celebrará entre o 10 e o 16 de xuño de 2018.
Será o segundo ano consecutivo no que os pavillóns da Raña, O Sequelo e do colexio San Narciso acollan un campionato nacional, tras o torneo feminino do pasado mes de xuño.
O Campionato de España disputarase baixo o mesmo formato, con 32 equipos de todo o país repartidos en 8 grupos na fase inicial.
PONTEVEDRA ASPIRA Á COMPETICIÓN FEMININA
Se Marín terá a honra de organizar a competición masculina, Pontevedra pelexa por ser a sede do Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto, baixo o mesmo formato e as mesmas datas.
Trátase dunha competición que xa organizou no pasado e na que traballa para lograr a súa designación. "Está pendiente por un problema de pistas", explicou o presidente da Federación Galega, Paco Martín, que se mostrou confiado de poder solucionar estas trabas.