Pontevedra quere seguir albergando competicións deportivas de nivel. Unha delas será a celebración na cidade do Campionato de España Infantil de Baloncesto Feminino, que terá lugar do 10 ao 16 de xuño e congregará a máis de 500 participantes.
Este xoves formalizouse o convenio de colaboración no Concello, onde o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores procedeu á súa sinatura xunto co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín. Na reunión estiveron presentes, ademais, a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e a adestradora pontevedresa do Club Baloncesto Arxil, Maite Méndez.
Desde o Concello, o club e a Federación aseguran continuar co obxectivo de potenciar o baloncesto de base, de canteira e feminino, neste caso. As instalacións do CGTD, o Pavillón de Deportes Universitario e o emprazamento deportivo do Príncipe Felipe son os escenarios elixidos para a celebración deste torneo. Nel competirán nenas de entre 12 e 13 anos de 32 equipos chegados de todas as comunidades autónomas.
Tras o éxito de anteriores celebracións deste campionato, nos anos 2014 e 2015, o alcalde quixo manifestar o seu apoio e interese por este tipo de competicións de base que, como dixo, "atraen a moita xente á cidade e temos chegado ás 1250 persoas". Ademais, o presidente da Federación Galega, en constante contacto con outras federacións, aproveitou para transmitir a Lores o bo recordo que teñen doutros torneos celebrados na Boa Vila.
O sorteo para o Campionato de España, que seguirá o mesmo sistema de competición que en edicións anteriores, producirase o próximo 31 de maio, Día do Baloncesto, durante a celebración do 3x3 do Arxil na Alameda de Pontevedra. O torneo feminino terá lugar ao mesmo tempo que o masculino, que se celebrará en Marín, municipio que repite novamente como sede dun campionato deste nivel.