A directiva do Arosa púxose ao choio para planificar a próxima tempada, na que aspirará a repetir presenza no play-off de ascenso a Segunda B.
Tras confirmar a continuidade de Rafa Sáez ao mando da parcela deportiva, o club arlequinado comezou a reunirse cos futbolistas, coa intención de conseguir a continuidade de boa parte do plantel.
Neste sentido, o primeiro en renovar foi un dos capitáns e canteirán da entidade, Julio Rey, que afrontará así a súa quinta campaña na Lomba tras a súa volta.
Rey, reconvertido por Rafa Sáez en centrocampista un pouco máis atrasado da posición que adoitaba ocupar, viuse minguado a última campaña por unha lesión no cóbado. Aínda así chegou a participar en 16 dos primeiros 18 encontros de liga, xogando 12 deles como titular e anotando un gol.
A el uníronselle este martes Rober Fernández, Sergio Cotilla e Pedro García, confirmando desta forma a parte do núcleo duro do equipo.
PRIMEIRAS BAIXAS
Así mesmo o Arosa comezou a anunciar este mércores as primeiras baixas deportivas. Neste apartado confirmou as saídas de Jorge Sáez, Miguel Dieste e de Suso.