Gueye vístese de Papa Noel e regala a Pontevedra unha nova festa de Copa á conta do Tenerife (2-1)

Pontevedra
21 de decembro 2022

Os de Antonio Fernández noquearon o Tenerife, de Segunda División, no primeiro tempo cunha innovadora formulación táctica e o equipo demostrou saber sufrir no segundo tempo diante da avalancha visitante

Rolda de prensa do adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, tras o partido de Copa do Rei contra o CD Tenerife /
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Tenerife en Pasarón
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Tenerife en Pasarón

A noite de Copa foi como unha Noiteboa anticipada para o Pontevedra. Papa Noel chegou cargado de agasallos, non só pola clasificación á seguinte rolda que asegura a visita a Pasarón dun equipo de Primeira División, senón porque os granates descubriron moitas cousas sobre eles mesmos que o propio vestiario descoñecía.

Antonio Fernández agregou á súa biblioteca un novo esquema de xogo que sorprendeu e desconectou ao rival, un 3-4-3 insédito ata a data.

Libasse Gueye demostrou ao fin por que o Pontevedra puxo os seus ollos nel con dous golazos, un inmenso despregamento de caneos e, sobre todo, moito atrevemento. A unidade B do equipo demostrou que tamén ten nivel para competir e mesmo o xogador menos utilizado, Álex Masogo, supliu con solvencia a anticipada retirada por lesión de Mario Ortiz.

E co vento en contra, como se puxo no segundo tempo, os granates demostraron ter o carácter necesario para saber sufrir, defenderse contra un rival de superior categoría e mesmo de ameazar con perigosos contragolpes.

A lesión de Miguel Román, a principios da segunda parte, foi a única nota negativa do partido, porque é unha peza fundamental do equipo e porque a súa marcha fixo que o Pontevedra perdese o control do balón. 

A velada non puido empezar dunha maneira mellor e xa anticipou ao heroe da noite. Libasse Gueye, que formou como extremo dereito, despexou un balón na súa propia área que Charles baixou e protexeu agardando a chegada do seu compañeiro. Devolveulla ao senegalés, que driblou dous defensores e desde a media lúa armou un disparo de rosca que tocou na zaga tinerfeña para aloxarse na escuadra dereita da meta defendida por Javi Díaz.

Acabábase de cumprir o minuto 2 de xogo pero xa se vía a un Tenerife sorprendido e superado pola innovadora disposición táctica dos granates. E antes do minuto cinco outra chegada por banda dereita estivo a piques de ampliar a renda local, pero o centro pechado de Oier Calvillo, que se envelenou, non atopou rematador e acabou saíndo moi preto do pau da meta visitante.

Seguían os tinerfeños buscando o seu sitio sobre o castigado céspede de Pasarón cando Gueye volveu facer unha diablura aínda máis inesperada que a anterior. Recibiu o balón no seu propio campo e habilitou a Álex González que se sumaba ao ataque pola esquerda. O capitán centrou o balón, que caeu dentro da área nos pés de Gueye.

O anterior Libasse teríase aturullado co esférico entre as súas botas, pero o desta noite non. Con acerto, atrasou o balón para a incorporación de Mario Ortiz, moveuse, volveuno pedir e desde a media lúa armou o interior da súa perna esquerda para aloxar con rosca o balón no fondo da portería de Javi Díaz.

A afección granate fregábase os ollos con incredulidade. Non por ir gañando por dous a un rival de superior categoría tras un cuarto de hora de xogo, senón porque Gueye estaba a demostrar por fin todo o fútbol que leva dentro.

O extremo senegalés estaba a demostrar por fin todo o fútbol que leva dentro

Transcorreu o resto do primeiro tempo sen sobresaltos. O Pontevedra, moi serio na presión e na defensa en bloque baixo, non concedeu ningunha chegada de perigo ao rival, mentres que en cada saída ao contragolpe, tanto González como Gueye ameazaban coa súa velocidade e a súa desborde a defensa canaria.

Tras o paso por vestiarios, o Tenerife pisou o acelerador e demostrou por que está en Segunda División, polo que ao Pontevedra, que viu como lle arrebataban o balón, tocoulle sufrir. Probouno primeiro cun roubo en campo contrario de Mo Dauda cuxo disparou bloqueou a defensa local, logo cunha falta lateral cabeceada por encima do arco de Cacharrón e mesmo houbo unha terceira, un remate peiteado por Garcés que lambeu o poste dereito do meta local.

Pero tanto foi o cántaro á fonte, que rompeu. Cumprida a primeira hora de xogo, os de Ramis moveron o balón dun lado ao outro polo balcón da área ata levalo aos pés de Dauda, cuxo centro chute atopou no segundo pau a bota de Iván Romero para recortar distancias.

A situación empeorara minutos antes para os de Antonio Fernández, que perderon por lesión a Miguel Román, co que o control da sala de máquinas que o mozo de Gondomar asegura desapareceu.

Pero o Pontevedra demostrou que tamén ten oficio e que sabe sufrir, mesmo sen pezas fundamentais no seu once e con xogadores que acumulan poucos minutos. Sacaron carácter os granates cunha xogada individual de Brais Abelenda que non atopou o espazo necesario para disparar despois de irse de dous rivais.

Puido empatar o Tenerife a falta de quince minutos para o final, pero apareceu Cacharrón para asegurar a clasificación ao sacar un pé milagroso para desbaratar o man a man con Dauda. 

Apareceu Cacharrón para asegurar a clasificación ao sacar un pé milagroso

O cansazo, polo esforzo e a pesadez do campo, empezou a facer efecto nos granates que se defendían con uñas e dentes das acometidas visitantes. Pero non renunciaban os de Antonio Fernández ao ataque e tiveron dous contragolpes para sentenciar a eliminatoria. Con todo, Bakero pecou de xeneroso e no canto de rematar o centro de Rufo, preferió ceder a Brais, que non puido chegar ao remate na área pequena.

Xa no tempo de desconto, unha falta cometida por Luís Martínez derivou nunha multitudinaria disputa entre os xogadores dos dous equipos que o colexiado resolveu coas expulsións de Yelko Pino, que vira antes unha amarela por protestar, e de Jose Ángel.

Os seis minutos de engadido fixéronse eternos, pero non houbo ocasións para ningún e co asubío final, xogadores e afección, moito máis numerosa que en xornadas de liga, estalaron de xúbilo porque os Reis traerán a Pasarón a un rival de Primeira División.

PONTEVEDRA CF (2): Cacharrón; Churre, Soto, Luis Martínez; Oier Calvillo, Mario Ortiz (Masogo, min 29), Miguel Román (Yelko Pino, min 54), Samu Araújo(Rufo, min 68); Gueye (Bakero, min 68), Charles (Brais Abelenda, min 54), Álex González

CD TENERIFE(1): Javi Díaz; Carlos Ruiz (Enric Gallego, min 74), Jose León (Sergio González, min 45), Buñuel, Andoni López; Apiah (Iván Romero, min 45), Álex Corredera (Spicic, min 74), Pablo Larrea (Jose Ángel, min 45), Mo Dauda; Borja Garcés, Shashoua

Árbitro: Gorostegui Fernández, Aitor (País Vasco), auxiliado nas bandas por Merino Sánchez e Rodríguez Portela, amoestou a a Jose León e Spicic por parte do Teneride; e a  Álex González, Luis Martínez, Masogo e Charles por parte do Pontevedra. Ademais expulsó a Yelko Pino, del Pontevedra y a Jose Ángel, del TenerifeO cuarto árbitro foi Mallo Fernandez.

Goles: 1-0, min 2, Libasse Gueye; 2-0, min 15, Libasse Gueye; 2-1, min 62, Iván Romero

Incidencias: Partido correspondente á segunda rolda da Copa de SM o Rey disputado no estadio municipal de Pasarón diante de 3.200 espectadores.