O Club Cisne Balonmano estivo a piques de dar a sorpresa en terras valencianas despois de ir de menos a máis fronte ao Puerto Sagunto.
O Cisne arrincou o encontro como leva facendo toda a tempada, errático en ataque e concedendo en defensa, o que se traduciu nunha parcial inicial de 8-3 en contra ao nove minutos de xogo.
Roi Galego, hoxe no banco substituíndo a Quiños, decidiu parar o cronómetro para ordenar aos seus xogadores, e nun visto e non visto metéronse de novo no partido grazas aos goles de Nuno Pando, Mateo Arias e Dani Virulegio (9-6).
Baixo paus, Abián Rodríguez tamén empezou a mostrar a súa mellor versión para que o Cisne se colocase a tan só dous goles do empate e obrigar, esta vez, ao técnico de Puerto Sagunto a pedir tempo morto.
Os locais fallaron o seu ataque e Costas subiu o 10-9 ao luminoso. Barjola foise dous minutos ao banco e os brancos aproveitaron esa superioridade numérica para, cun dobrete de Bruno Vázquez, colocarse por diante por primeira vez no duelo cando restaban 8 minutos para o descanso (10-11).
Pero a alegría durou pouco nas filas do cadro visitante, que volveu desinflarse na recta final do primeiro tempo para ceder un parcial de 3-0 (13-11).
Furtado reduciu distancias, pero Diego Olba e Barjola encargáronse de ampliar a renda do Puerto Sagunto en tres goles. Arboleya e Mateo Arias recortaron a diferenza nun gol, pero Arnau Fernández anotou o 16-14 co que se alcanzou o descanso.
A segunda metade arrincou co regreso de Franzini á cancha e un parcial de 2-6 co que o conxunto lerezano volvíase a colocar por diante no luminoso, aínda que esta vez con dous goles.
Con todo, despois dun tempo morto solicitado polo técnico local, as cousas volveron cambiar, e o conxunto valenciano volteó de novo o resultado para retomar a vantaxe (22-21).
Roi Galego parou o cronómetro, Barceló fixo o 23-21 e Alberto Delgado, Pando e Arboleya devolveron a renda a un Cisne que non ía tardar en complicarse a vida.
O encontro entrou a recta final e, unha xornada máis, os brancos pecaron de inmadurez e precipitación nos minutos decisivos. Arboleya e Bruno Vázquez foron excluídos, e Diego Olba, con dous tantos subiu o 27-24 que puña moi costa arriba o encontro para os de Pontevedra.
Galego pediu tempo morto e Manu Lorenzo anotou para o Cisne. O adestrador local fixo o propio e esta vez foi David García o que non perdoou (28-25).
Quedaban 3 minutos por disputarse e, todo o que podía ocorrer, ocorreu. Barjola foi excluído e os visitantes aproveitaron a superioridade para empatar o partido. Con todo, unha vez o encontro entrou nos seus últimos segundos, Puerto Sagunto recuperou ao seu home ausente e tamén o dominio, facendo o 29-28 co que concluíu o duelo.
Consulta as estatísticas neste enlace