Pontevedra converterase en punto de encontro para centos de amantes do ciclismo este domingo 18 de marzo grazas á celebración da quinta edición da Ruta BBT Cidade de Pontevedra.
O circuíto deste ano consta de 40 quilómetros e levará os participantes desde a avenida Montero Ríos ata o Lago de Castiñeiras, tendo unha dificultade media que podería aumentar lixeiramente debido ao mal tempo. Como en edicións anteriores, a ruta está organizada polo Club Ciclista Farto, en colaboración co Concello e a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEI).
A ruta foi presentada pola concelleira de deportes, Anxos Riveiro, e os membros da organización Abel Farto e Eusebio Rivero. Estes eloxiaban a ruta escollida para esta edición debido á súa riqueza natural e de espazos que noutras circunstancias pasan desapercibidos para os cidadáns. As zonas percorridas polos participantes serán respectadas, informan os organizadores, que esperan unha presenza de aproximadamente 500 ciclistas.
Abel Farto quixo recalcar o feito de que a volta da ruta desde o Lago de Castiñeiras realizarase con tráfico aberto e presenza policial. Por iso ínstase os participantes a respectar as normas de tráfico, baixo risco de multa e lembrando que se trata dunha actividade de lecer e non competitiva.
O tempo non afectará o desenvolvemento da Ruta BBT, xa que se espera que o temporal amaine antes do domingo.
As inscricións estarán abertas ata o xoves ás 00:00 horas en Cronocheck, e ata o sábado pola mañá de forma presencial na tenda de bicicletas Farto. O prezo de inscrición é de 10 euros e de cada unha doarase un euro a ASSEI.